A EMPRESA DO MANTEMENTO DO ALUMEADO PÚBLICO LEVA UN 300% MÁIS DE ORZAMENTO QUE NO 2017

A EMPRESA DO MANTEMENTO DO ALUMEADO PÚBLICO LEVA UN 300% MÁIS DE ORZAMENTO QUE NO 2017

Dos 62.000 euros para mantemento no 2017, pásase a 188.500 euros para o mesmo concepto no ano 2018.

Barreiros, 1 de febreiro de 2018. O BNG continúa explicando polas parroquias o contido dos orzamentos presentados polo goberno municipal do PP en Barreiros. Na reunión que tivo lugar en Benquerencia, unha das cuestións que máis chamou a atención das veciñas e dos veciños foi distribución dos gastos. “Os cartos que se destinan ao mantemento do alumeado publico, que o leva unha empresa privada, increméntanse neste ano nun 300% con respecto ao orzamento do ano anterior”, informan desde o BNG.

A portavoz municipal explicou que “na mesma partida na que o ano pasado se metían 62.000 euros, para o 2018 aparecen 188.500 euros. Eses cartos van destinados a unha única empresa que leva o mantemento do alumeado e, en lugar de aforrar cartos ás veciñas e veciños, o que vemos é que cada ano nos custa máis manter esa empresa.”

Desde o BNG lembran que “cando o PP en Barreiros decidiu asinar o contrato con esta empresa, asegurou que suporía un aforro para as contas municipais. Pero lonxe de ser certo, o que vemos é que cada ano o custo sobe máis.”

De 50.000 euros no ano 2015, o custo foise multiplicando ata chegar neste ano a preto de 190.000 euros, o que “demostra que a política de privatización de servizos que está a levar a cabo o PP en Barreiros non só non ten resultados positivos, senón que as consecuencias económicas son nefastas.”

Desde o BNG contrapoñen estas cantidades ás que o goberno municipal destina a investimento en vías municipais: “vainos custar dúas veces e media máis manter o alumeado que o que se vai destinar a camiños municipais.”

A portavoz nacionalista considera que “unha vez máis, os números falan por si mesmos. Estamos asistindo a uns orzamentos que deixan perfectamente blindados unha serie de gastos, que se incrementan exponencialmente con respecto ao ano pasado, que van para empresas concretas; mentres investimentos tan necesarios como os que precisa a rede viaria municipal sofren os recortes no orzamento e quedan reducidas a cifras ridículas.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.