A Deputación investirá 600.000€ na mellora de estradas en Barreiros, Monforte, Bóveda e Trabada

A Deputación investirá 600.000€ na mellora de estradas en Barreiros, Monforte, Bóveda e Trabada

21-08-20

 Lugo, 21 de agosto de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable da área de Xestión Territorial, anunciou este venres un investimento de preto de 600.000€ na mellora de firmes de catro estradas provinciais nas comarcas da Mariña e da Zona Sur, en concreto, nos concellos de Barreiros, Monforte, Bóveda e Trabada. Fíxoo na rolda de prensa na que, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, explicou os asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada hoxe, na que se aprobaron os proxectos e a licitación das obras para acometer estas actuacións, que se desenvolverán nas seguintes vías da Deputación:

– En Barreiros, na LU-P-0610, coñecida como a estrada da Costa, na que se acometerán melloras en dous quilómetros (entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400). O orzamento base de licitación é de 115.712,18€. Esta estrada ten unha importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo.

– En Monforte, a Deputación continuará coa mellora da estrada que une a cidade co núcleo de Currelos, no Saviñao, a LU-P-3202, na que xa acondicionou 1,4 quilómetros o pasado ano, e agora, con este proxecto que hoxe aprobou e licitou, actuará noutros preto de tres quilómetros (entre os puntos quilométricos 4,000 e 6,800) cun investimento de 158.135,49€. As obras de mellora desta estrada teñen un importante valor social porque se trata dunha vía moi utilizada polos veciños e veciñas.

– En Bóveda, a institución provincial rehabilitará o firme da estrada LU-P-0907, que une os municipios de Bóveda e Paradela, coñecida como a estrada de Remesar. As obras afectarán aos tres primeiros quilómetros da vía, que parte da parroquia de Teilán, en Bóveda, en concreto, entre os puntos quilométricos 0,350 e 3,250, e o orzamento co que saen a licitación ascende a 110.730,51€.

– A Deputación completará tamén a mellora do firme da estrada provincial LU-P-5506, que conecta Aguaxosa con Trabada, e que supón a principal vía de comunicación deste municipio coa capital da provincia. A pavimentación desta vía, que pasa tamén polos concellos de Riotorto e Lourenzá, veuse facendo por tramos nos últimos anos e quedaban os case catro quilómetros que agora se van a mellorar (entre os puntos quilométricos 0,220 e 4,140), cun investimento próximo aos 200.000€.

Segundo explicou o Presidente, nas catro estradas acometeranse o mesmo tipo de obras: a reapertura e limpeza de cunetas para aumentar a durabilidade; pavimentación, co estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente, que dotará á calzada de maior regularidade e aumentará tamén a súa capacidade estrutural; e sinalización horizontal mediante o pintado de marcas viarias reflexivas brancas.

O prazo de execución de cada un dos catro proxectos tamén é o mesmo, de 9 meses dende o inicio das obras, polo que, segundo avanzou o Presidente, estarán previsiblemente rematadas na primavera.
“Dende o principio do mandato marcamos como prioridade a mellora da rede viaria provincial, á máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, porque cremos que a mobilidade contribúe de forma moi importante ao equilibrio territorial. Creo que dende o Goberno estamos respondendo a ese compromiso con feitos”, subliñou o Presidente, quen lembrou que a día de hoxe a Deputación ten en marcha obras en estradas provinciais por importe duns 4,6M€.
Adxudicación de dous contratos
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de dous contratos: o de mantemento de portas automáticas dos edificios da Deputación por un importe de 32.757,12€ e dous anos de duración, con opción de prórroga por outros dous, e o de subministro de gas propano para os centros de atención a maiores da Deputación, por un ano e un importe total de 107.938,05€.
Remanentes do Plan Único para Navia e Sober
Outro dos puntos tratados na Xunta de Goberno foi a aprobación da solicitude dos concellos de Navia de Suarna e Sober para destinar a novas obras os remanentes resultantes da execución de actuacións financiadas con cargo ao Plan Único 2019.
En concreto, Navia de Suarna destinará preto de 16.300€ para actuacións complementarias de acondicionamento da avenida de Galicia, entre a rúa Cimadevila e a avenida dos Ancares, e o Concello de Sober dedicará 21.608,24€ á reforma da rede de saneamento da rúa da Mina.
Cemiterio de Viveiro
A Xunta de Goberno aprobou así mesmo o Plan de Seguridade e Saúde da obra de reparación do muro de contención do cemiterio municipal de Altamira, en Viveiro, danado pola riada do 2018. A Deputación financia esta actuación con máis de 96.000€, correspondentes ás obras, e outros preto de 17.000€ que xa destinou á redacción do proxecto, respondendo deste xeito á petición do Concello de Viveiro para arranxar as patoloxías e as deficiencias estruturais producidas no muro de contención sur do recinto.