A Deputación de Lugo financiará integramente o custe do servizo de teleasistencia domiciliaria

A Deputación de Lugo financiará integramente o custe do servizo de teleasistencia domiciliaria

Lugo, 10 de xullo de 2015.- O novo Equipo de Goberno da Deputación de Lugo, que preside Elena Candia, vén de anunciar que a administración provincial financiará integramente o custe do servizo de teleasistencia domiciliaria que se presta nos fogares da provincia.

A decisión do actual Executivo provincial de asumir con recursos propios o custe do 100% deste importantísimo servizo vén a ser un novo paso dentro do anunciado compromiso dos populares de reforzar o investimento en benestar e dar prioridade á asistencia aos veciños que máis o necesitan, neste caso, persoas maiores usuarias da teleasistencia.

A medida suporá ademais un aforro considerable para os municipios da provincia (o custe total do servizo estímase en 172.000 euros), o que tamén contribuirá a blindar a obriga de colaboración e cooperación cos municipios que a Deputación de Lugo ten entre os seus cometidos principais e que ata o de agora non se estaba a materializar na súa integridade, obrigando a que os concellos e, nalgúns casos tamén os usuarios a través do copago, tiveran que financiar parte do custe deste servizo.

En concreto os concellos lucenses xa non terán que achegar o 50% do gasto que supón prestar a teleasistencia domiciliaria, tal e como acontecía ata o de agora por decisión do anterior Equipo de Goberno, de tal xeito que pasa a ser a Deputación de Lugo quen, con efectos desde esta mesma anualidade, 2015, asumirá integramente este custe.

Máis tempo no seu fogar
Desde a Deputación de Lugo quixeron poñer en valor o funcionamento do servizo de teleasistencia, xa que logo supón unha clara aposta do Goberno provincial porque os nosos maiores poidan vivir, tal e como desexan a inmensa maioría deles, nos seus fogares o maior tempo posible, nas mellores condicións e con todas as garantías.

No seu afán por incrementar a protección destas persoas, a Deputación lucense financiará a instalación de dispositivos de conectividade e seguridade nos seus fogares, conectados as 24 horas do día, todos os días do ano. Estes aparatos permiten dar a coñecer calquera situación de risco ou dificultade de maneira que se poida actuar con rapidez e evitar ou reducir as súas consecuencias.

Doutra banda, o servizo de teleasistencia tamén se converteu nun axente dinamizador da vida das persoas maiores da provincias. Así, os usuario reciben información a través da central de teleasistencia sobre hábitos saudables, exercicios para a memoria. No seu caso unha unidade móbil e o persoal de intervención domiciliaria pode desprazarse ata a vivenda da persoa que necesita asistencia, acompañada dos servizos médicos ou de emerxencia, se fora preciso.

Máis de 3.000 lucenses beneficiarios das primeiras decisións do Goberno
Desde a Deputación de Lugo salientan que as primeiras medidas do equipo de Goberno popular benefician a máis de 3.000 lucenses, cifra que se supera amplamente se sumamos os 2.306 usuarios do servzio de axuda no fogar, os 1.071 que reciben a teleasistencia domiciliaria.

Desde o novo Equipo de Goberno que preside Elena Candia, insisten en que o cambio de Goberno na Deputación debe materializarse tamén nun cambio de prioridades, neste caso, para mellorar os servizos de benestar, sobre outras medidas e gastos superfluos.

“Farémolo hoxe coa decisión de financiar integramente con recursos provincias a teleasistencia e se fixo, días atrás, co anuncio de que a Deputación duplicará o orzamento previsto para o servizo de axuda no fogar, en cumprimento da lexislación vixente, cesando na situación de insumisión na que se situaba esta administración co bipartito e en coherencia cos pronunciamos xudiciais sobre o financiamento destes servizos”.

Boa acollida
Desde o Goberno provincial sinalan finalmente que este tipo de medidas son moi ben acollidas desde os concellos lucenses que, a través dos seus alcaldes e nunha inmensa maioría, reclamaban máis compromiso e máis implicación da Deputación en materia de servizos sociais. Pero tamén son ben acollidos polos usuarios que poden observar como se blinda a continuidade dun servizo esencial para moitas familias, e se crean as condicións para aumentar incluso a asistencia que se lle presta, pois o aforro municipal poderá ir destinado a ampliar o número de beneficiarios deste e doutros servizos de benestar.