A Deputación de Lugo aproba obras de mellora en varias estradas provinciais

A Deputación de Lugo aproba obras de mellora en varias estradas provinciais

LA VOZLUGO / LA VOZ

BARREIROS

Pilar García Porto, portavoz del PSOE de Lugo en la Diputación

Tamén adxudicou un segundo lote para desbroces de vías a partir deste mes

04 jun 2021 . Actualizado a las 14:24 h.

AXunta de Goberno aprobou o proxecto e a licitación das obras para renovar un novo tramo da LU-P-0610, a estrada provincial paralela á costa de Barreiros. Con esta actuación, a Deputación mellorará un treito de máis de 2 quilómetros, entre os puntos 1,4 e 3,2, cun investimento de 133.000€. 

Nesta vía da Mariña, a Deputación xa investiu 91.000€ para renovar o firme do tramo que vai do quilómetro 3,4 ao 5,4, e só queda un último treito para a súa renovación integral, que quedará completada neste mandato. 

A voceira socialista, Pilar García Porto, recalcou que «esta é unha estrada estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña, porque enlaza as praias de Altar e Reinante e a glorieta da praia das Catedrais, dando servizo a numerosos veciños e veciñas e visitantes que se achegan á costa barreirense». 

Por outra banda, na sesión deste venres, o Goberno da Deputación aprobou a adxudicación doutros tres lotes do contrato para a roza de estradas provinciais por un importe que suma preto de 300.000€. Son os lotes que afectan aos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra de Brollón e Monforte de Lemos.

Na Xunta de Goberno do venres pasado adxudicáronse outros 19 lotes por un importe de 1,7M€. Só quedan dous lotes por adxudicar -os que comprenden Abadín, Baleira, Baralla, Mondoñedo e Láncara- porque é necesario requirir ás empresas mellor valoradas, ao no ser posible a primeira adxudicación. O contrato para a prestación dos traballos de desbroce da rede viaria provincial terá vixencia este ano 2021 e o vindeiro 2022, coa opción de prórroga por outro ano máis. 

En total, a Deputación de Lugo destinará á roza das estradas provinciais máis de 2,5M€, «un investimento moi importante, que responde ó compromiso da Deputación de Lugo de mellorar a seguridade na rede viaria provincial e a comodidade dos condutores, evitando que a vexetación dificulte a evacuación das augas de escorrentía ou afecte á seguridade dos usuarios polo efecto ‘aquaplaning’. Estes traballos tamén favorecen a prevención de incendios durante o verán», asegurou Pilar García Porto. 

Centro de maiores de Meira

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación por un importe de 127.000€ do lote correspondente a mobiliario xeral do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira.

Xa foron adxudicados outros tres lotes de equipamento, os correspondentes ao material de lavandería, dotación de equipos médicos, xogos, material pedagóxico e axudas técnicas, e ao equipamento de pequenos electrodomésticos e material de limpeza por un importe total de 79.000€. Para completar a dotación, só queda o lote de cortinaxe, que saíu a licitación por 94.000€.

Plan Único en Foz

A Xunta de Goberno aprobou este venres a solicitude do Concello de Foz para aplicar remanentes do Plan Único 2020 a novas actuacións. En concreto, son máis de 48.000€ para a construción dunha rampla de acceso e a colocación de bancos no Centro de Maiores, o acondicionamento de diferentes camiños e melloras no acceso ao núcleo urbano do municipio e para unha separación de pluviais na zona da Riveira.