A APA do CEIP San Cosme leva 6 anos dirixindo o comedor do colexio cun elevado grao de satisfacción

A APA do CEIP San Cosme leva 6 anos dirixindo o comedor do colexio cun elevado grao de satisfacción

13-11-15

ceip-san-cosmeO comedor do colexio de San Cosme de Barreiros está xestionado pola Asociación de Pais desde o ano 2009. Desde entón ofreceu un útil e necesario servizo para as familias. Cunha supervisión directa dos produtos que se utilizan na elaboración do menú dos nenos e nenas. O comedor dá para comer diariamente a 30 persoas, entre alumnos e persoal docente, cun alto grao de satisfacción por parte dos usuarios.

Un proxecto que nace no 2009
A creación do comedor foi impulsada por un grupo de pais no ano 2009, para favorecer a conciliación familiar. Ata entón o colexio non tiña servizo de comedor e a xornada escolar era partida. Os pais tiñan que recoller aos nenos ao mediodía para levalos a casa a comer e devolvelos de novo ao colexio. A inexistencia dun comedor tamén estaba propiciando unha perda de alumnos cara a outros colexios.

Así pois, os pais e nais puxéronse en marcha. Mentres uns xestionaban os permisos necesarios ante a Administración, outros aportaban man de obra altruísta axudando a construír a cociña e a dotala do material necesario.
Grazas ao esforzo dos pais, a dirección do centro e do Concello de Barreiros -que desde entón financia os custos da cociñeira- o comedor converteuse nunha realidade o curso de 2009-2010.

Mellorando cada día
Aos poucos foi medrando, mellorando o servizo e, por suposto, os menús. A propia Asociación de Pais encárgase da compra dos alimentos, escollendo produtos próximos e de tempada e tendo en conta as recomendacións sanitarias para elaborar un menú san e de calidade.

Ademais, desde o curso pasado o comedor dispón de produción hortícola propia xa que o CEIP San Cosme forma parte do Proxecto Voz Natura. Os produtos do horto que coidan os alumnos e alumnas van directos á cociña para elaborar a súa comida.

Rexeitamento ao catering da Xunta
Os pais e nais presentan un elevado grado de satisfacción co funcionamento do comedor e desde entón rexeitan a oferta que fai a Consellería de Educación de poñer un servizo de catering. Pensan que a xestión directa da APA propicia un maior control sobre a calidade dos produtos que comen os nenos e nenas.

O servizo de comedor é posible grazas a unha asequible cota que pagan os pais e resulta máis económico que os comedores rexidos por Educación. Así mesmo a APA recibe unha subvención anual da Xunta de Galicia, unha pequena axuda que se agradece. E ten o apoio do Concello de Barreiros que se encarga dos gastos de contratación da cociñeira.

Ao coidado dos nenos nas horas de comedor hai dúas voluntarias que reciben unha pequena achega económica en agradecemento ao seu agarimo e dedicación.

Actividades paralelas
Este curso 2015-2016, os alumnos do CEIP San Cosme teñen unha actividade extraescolar directamente relacionada coa gastronomía e a saúde: un curso de cociña que se imparte desde principios de novembro nas instalacións do centro. Nel ensínase aos rapaces e rapazas a elaborar masas, comidas doutros países e sobremesas para celebracións, entre outros.