A AMBULANCIA ASISTENCIAL COA QUE CONTA BARREIROS DURANTE O VERÁN “O QUE FAI É AXILIZAR A ASISTENCIA SANITARIA QUE SE PRESTA NAS PRAIAS”

A AMBULANCIA ASISTENCIAL COA QUE CONTA BARREIROS DURANTE O VERÁN “O QUE FAI É AXILIZAR A ASISTENCIA SANITARIA QUE SE PRESTA NAS PRAIAS”, SEGUNDO O ALCALDE.FUENTE PARGA ACUSA AO BNG DE MENTIR E DE PREXUDICAR AO SERVIZO DE SALVAMENTO ESOCORRISMO E SOSTÉN QUE NON SE PRODUCIU O FALLO DE NINGÚN DESFIBRILADOR.

Barreiros, 27 de novembro de 2018.O alcalde, Alfonso Fuente, asegurou no pleno celebrado onte, que a ambulancia asistencial coa que conta o Concello durante o verán o que fai é axilizar a asistencia sanitaria que se presta nas praias, onde hai xornadas nas que se poden xuntar arredor de 25.000 persoas. O rexedor acusa ao BNG de mentir, xa que non se produciu o fallo de ningún desfibrilador, e critica aos nacionalistas por prexudicar así ao servizo de salvamento e socorrismo, e ao conxunto de Barreiros. Fuente Parga aclara que o escrito remitido ao Concello polo Colexio de Enfermería alude ao persoal co que debe contar unha ambulancia medicalizada, servizo do que non dispón o Concello barreirense. O alcalde subliña que o órgano colexiado enviou un escrito baseado nunha premisa errada.

O alcalde contou que “o pleno de onte comezou cunha moción presentada polo BNG baseada na rebaixa da enerxía. Nós votamos a favor, evidentemente, cómo non imos querer pagar menos en enerxía, incluso lles trasladaba que podían elevala tamén ao gasóleo, que nos vai subir a principios de ano ou ao gas, que acaba de subir. Tamén nesa moción se falaba dunha rebaixa do tipo de IVE do 21% ao 4%, e nós dixémoslle á concelleira do Partido Socialista que o traslade ao goberno do Estado, que é quen ten competencia para baixar o IVE da enerxía. Evidentemente nós estamos de acordo niso”.

Fuente Parga seguiu a relatar que “na quenda de rogos e preguntas, como xa anunciara o BNG que ía preguntar polo fallo dun desfibrilador e eu xa dixera que falaban co díxome díxome, saquei o escrito do Colexio de Enfermería ao que facían referencia do 3 de setembro, e nese escrito queda constatado que non hai nin unha soa palabra que mencione o desfibrilador, en ningún momento se fala do desfibrilador. Isto quere dicir que o Bloque Nacionalista Galego mentiu na nota de prensa, así de claro, contou mentira. O desfibrilador non fallou, non houbo ningún problema con el, e o Colexio de Enfermería non se refería en ningún momento ao desfibrilador”.

O rexedor puntualizou que “este colexio dirixiu unha carta ao Concello de Barreiros dicíndolle que, se poñía en marcha unha ambulancia do 061 avanzada, tiña que contar cun técnico e cunha enfermeira e que tamén podería incluso incorporar un facultativo. Así o recolle a carta do Colexio de Enfermería, pero tamén se lles explicou que hai dous tipos de ambulancias en servizo. Unhas son as ambulancias asistencias, o que é o nivel básico, e ambulancias avanzadas, as que se coñecen como medicalizada. Nós o que prestamos no concello de Barreiros, por iso o colexio partía dunha premisa errónea, é un vehículo que fai uns meses prestaba o servizo de ambulancia medicalizada na Mariña con base en Foz, e ese mesmo equipo o utilizamos nosoutros. Este verán nas praias de Barreiros contamos con ambulancia asistencial, non medicalizada. As ambulancias asistencias levan incorporado un chófer e un técnico, cando nós o que levábamos era un técnico e un auxiliar, é dicir, estamos por encima do que levan as ambulancias asistencias do 061”.

Alfonso Fuente engadiu que “se nos referimos a este feito que se mencionaba no escrito do Colexio de Enfermería, que foi o accidente que se producía na praia de Fontela, a ambulancia do Concello de Barreiros preséntase no sitio antes de catro minutos, logo chegou a ambulancia asistencial do 061, onde trae un técnico e un chófer, no mesmo nivel que a do Concello. Cando viron que non era suficiente, dada a situación, o propio 061 mobiliza tamén á medicalizada, e alí se xuntaron tres ambulancias”.

O alcalde de Barreiros salientou que “nós o que facemos desde o Concello de Barreiros é axilizar a asistencia nas praias. Tendo en conta que unha ambulancia do 061, sexa asistencial ou medicalizada, tarda entre quince e vinte minutos en chegar, e que en Barreiros durante o verán hai unhas 15.000 persoas máis os que nos visitan nas nosas praias, en total pode haber momentos en que haxa unhas 25.000 persoas na nosa costa. Iso nos leva a ter estes medios para dar un mellor servizo a todos os cidadáns e a todos os visitantes”.

Fuente Parga dixo: “a min o que me parece é que cunha noticia falsa, onde se conta mentira por parte do BNG e quedou constatado onte, o único que se prexudica é ao servizo de salvamento e socorrismo, a todos os veciños de Barreiros, e en definitiva a Barreiros porque calquera que viu esa noticia pode pensar que non pode vir a Barreiros porque o desfibrilador non funciona. O desfibrilador funcionou sempre porque ademais leva uns rexistros que pode consultalos calquera e, é máis, non só hai un senón que hai dous, ao ter uns medios dunha ambulancia medicalizada, porque alí está por se aparece un facultativo que se poida atopar na praia e queira utilizar eses medios, tenos alí ao seu servizo. Cousa que outros Concellos non teñen, cando son conscientes de que as súas praias as visitan 4.500 persoas ao día. Pero nosoutros si queremos ter eses medios para dar ese servizo na nosa costa. Cada equipo de goberno opta por ter unhas cousas ou outras, e nós consideramos que ter esa ambulancia en servizo é unha seguridade para os usuarios da costa”.

O rexedor barreirense insistiu en que “o Colexio de Enfermería o único que mandaba era unha nota dicindo que se poñemos en servizo unha ambulancia medicalizada necesitamos uns profesionais, pero parten da premisa errónea, nós non temos en funcionamento unha ambulancia medicalizada, temos unha ambulancia asistencial, e polo tanto conta cos recursos humanos que pide a lei. Pero os medios materiais si son os dunha ambulancia medicalizada, porque preferimos que así sexa. Non por ter medios a maiores imos ter que reducilos e deixalos nun almacén, poñémolos a funcionar evidentemente”.

O alcalde remarcou: “eu o que sinto é que se sacara unha nota de prensa, por parte do Bloque Nacionalista Galego, contando mentiras. Iso non se debe facer, prexudica moito ao noso Concello e ao servizo de salvamento e socorrismo, cando precisamente, neste desgraciado feito no que este señor perdía a vida, o seu propio fillo felicitaba ao servizo de salvamento e socorrismo pola actuación. Hai que felicitar tamén ao 061 que participou nesa intervención. Todos estamos para axudar, para tirar cara ao mesmo lado, pero parece que hai quen quere poñer paus nas rodas e prexudicar ao Concello de Barreiros, xa sabemos con que ánimo, pero iso non se debe facer”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *