A Alcaldesa de Barreiros pídelle ao Sergas que garanta os servizos sanitarios no municipio e na comarca

A Alcaldesa de Barreiros pídelle ao Sergas que garanta os servizos sanitarios no municipio e na comarca

06-07-20

 Barreiros, 6 de xullo de 2020. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, trasladará ao conselleiro de sanidade nunha videoconferencia á que foi convocada para esta mañá, a solicitude de que Barreiros conte con persoal médico para persoas desprazadas. A primeira edil explicou que “nos veráns a poboación flotante de Barreiros multiplícase e deixar precisamente este verán a Barreiros sen persoal médico para atender á xente que vén de fóra parece que non cadra moito con esa idea de protexer aos de fóra nin aos da casa.”
“Sempre son necesarios os reforzos dos servizos sanitarios en verán, pero neste ano son innegociables e o SERGAS está apostando por diminuílos non dotando de persoal para desprazados, non cubrindo a pediatra nos seus permisos ou vacacións e mandando ao persoal de vacacións. Polo tanto, en pleno brote da COVID-19, coa comarca en situación de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia lonxe de garantir os servizos sanitarios, redúceos.”
DESCARGA DE RESPONSABILIDADES DA XUNTA NAS ALCALDÍAS
Ana Ermida mostrouse tamén crítica coa decisión da Xunta “feita norma vía DOG extraordinario de onte domingo” de descargar nas alcaldías a responsabilidade de atallar a expansión do coronavirus, “cando a Xunta actuou irresponsablemente e sen ningún tipo de lealdade institucional cos municipios desde marzo”, asegura.
A alcaldesa incide en que o primeiro contacto que a Consellería tivo co Concello de Barreiros foi onte domingo, “convocando a unha reunión dun momento para outro, co fin de dar conta das medidas que se publicarían no DOG de pola tarde”
Durante toda a xestión da pandemia desde marzo “as alcaldías non tivemos ningunha comunicación, nin sequera nos facilitaron datos de persoas afectadas por concellos. E agora de repente, da noite para a mañá, aparecemos investidas de autoridade sanitaria e responsabilizadas de ter que atallar o coronavirus.”
COOPERACIÓN E LEALDADE RECÍPROCA
A alcaldesa sinala que “Barreiros poñerá todos os medios na cooperación e a lealdade institucional para loitar contra a expansión do virus; pero as responsabilidades deben ser asumidas por quen improvisa medidas e actúa tarde, cando o avance é xa incontrolable.”
“Non se aplicaron protocolos cando o brote era controlable e agora atopámonos con toda unha comarca pechada pola falta de valentía para tomar medidas pechando os lugares onde coñecían”, manifesta. “Dese xeito, evitaríase estar condenando a toda a comarca a perder o verán, coa incidencia que iso ten na economía local de todos os municipios”
A maiores, a alcaldesa afonda en que “a Xunta non pode pedir aos concellos que poñamos todo da nosa parte e descargar en nós a responsabilidade, cando desde os responsables da sanidade galega se están deixando centros de saúde sen persoal e reducindo os servizos sanitarios na comarca.”
“Nos poñeremos todos os medios. Pero esixímoslle á Xunta que poña os seus e garanta os servizos sanitarios funcionando en condicións óptimas para atender esta situación”, conclúe Ermida.