O EIDO DOURADO ORGANIZA LABORATORIOS ARTÍSTICOS PARA NEN@S OS DÍAS 29 DE XULLO E 3 DE AGOSTO

Barreiros, 28 de xullo de 2016. O Eido Dourado organiza por primeira vez unha serie de laboratorios artísticos para nen@s, que se desenvolverán o 29 de xullo e o vindeiro mércores, 3 de agosto. Esta experiencia tamén se faría para o público adulto que desexara asistir ao longo do mes de agosto.

100_2669Estes talleres serán impartidos pola licenciada en Belas Artes Lucía Vila, que manifestou que “son como experiencias artísticas para que os nenos se acheguen ao Eido Dourado dunha forma máis natural e a un museo en xeral. O que queremos basicamente é que os nenos dialoguen coa obra de Celso e que reflexionen sobre os elementos que configuran a obra do autor”.

Lucía Vila engadiu que “estes talleres están dirixidos a persoas de 0 a 99 anos, o que pasa é que normalmente non superan a idade dos 12 anos. Os laboratorios fanse polas tardes en horario de apertura do Eido Dourado, de 18:00 a 21:00 horas. O que estamos a facer é grupos de non máis de dez persoas para poder ter unha atención individualizada. Polo de agora temos este venres, día 29, un grupo no que xa hai 8 nenos, e o mércores, día 3 de agosto, temos outro grupo de nenos de 2 a 6 anos”.

100_2675Vila subliñou que “despois segundo se vaia apuntando a xente iremos poñendo máis datas. É como un proxecto piloto que se funciona ben queremos prolongar con outro tipo de laboratorios creativos e senón quedará como unha experiencia que basicamente pretende que o Eido Dourado estea vivo”.

Segundo explicou Lucía Vila “os nenos van traballar a través das artes plásticas con obxectos de papel, debuxos, e van crear mensaxes que se van converter nunha instalación no xardín do Eido”. O Eido Dourado amósase disposto de organizar estes laboratorios para público adulto se houbera demandantes ao longo do mes de agosto. As persoas interesadas poden dirixirse ao propio Eido Dourado ou chamar ao número de teléfono 982 15 61 21. Tamén poden contactar enviando unha mensaxe privada a través do facebook do Eido Dourado.