Ollomao pon en marcha este sábado “A Lanterna Máxica”

Ollomao pon en marcha este sábado “A Lanterna Máxica”, un obradoiro de literatura, teatro e cinema para nenas e nenos.

Barreiros, 19 de xaneiro de 2015. Este sábado 23 de xaneiro ás 16:00h. en Celeiro de Mariñaos haberá unha presentación da actividade. Posteriormente as nenas e nenos que o desexen poderán quedar a unha primeira sesión de portas abertas para coñecer o obradoiro.

Rubén Pérez e Brian Rodríguez, con experiencia e formación nos campos da interpretación e o audiovisual, son os coordinadores do proxecto “A Lanterna Máxica”, unha actividade que combina as vontades da literatura, o teatro e o cinema para ser ofrecida como alternativa de ocio e cultura, e que chega a Barreiros da man do Colectivo Cultural Ollomao.

Esta actividade deseñada nesta ocasión para a participación de público infantil, preferentemente de entre 6 e 12 anos, está pensada para que as nenas e nenos por medio do xogo coñezan e comprendan textos literarios galegos e o contexto dos mesmos, para tamén por medio do xogo aprender a interpretalos e finalmente adentrarse no mundo do audiovisual sendo protagonistas dunha historia.

“A Lanterna Máxica” será presentada este sábado, 23 de xaneiro ás 16:00h, nas Escolas de Celeiro de Mariñaos. Posteriormente haberá unha sesión de portas abertas á que poden quedar todas as nenas e nenos que desexen coñecer a actividade, tanto de Barreiros como de outros concellos. Só no caso de asistir ás vindeiras sesións, dúas por mes dunha duración de tres horas cada unha, procede o abono do cota mensual de 10€ por participante, non debendo abonar ningún coste no caso de asistir únicamente á sesión de proba deste sábado.

Para asistir á primeira clase de “A Lanterna Máxica” non é preciso inscribirse previamente, máis en calquera caso dende Ollomao agradécese coñecer a intención daquelas nenas e nenos que desexen asistir para ter unha previsión da participación.

Para máis información, dende o colectivo barreirense habilitan dúas canles de contacto,  [email protected]. Para coñecer o proxecto de “A Lanterna Máxica” pode consultarse a páxina de Facebookhttps://www.facebook.com/alanternamaxica.