Do boom ás vacas

Do boom ás vacas

 David López García, con algún dos animais que ten en Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ
O cervense David López ampliou a súa explotación gandeira en pleno Barreiros, onde alugou para pastos algunha finca sen construír

“Empecei de cero”, lembra o cervense David López García sobre a súa explotación gandeira, que iniciou en Gondrás e que hai uns anos deu o salto ao concello de Barreiros, onde agora ten o groso da súa cabana. Son unhas 70 vacas nas arredor de 40 hectáreas de terreo que foi sumando sobre todo no centro de San Cosme, nalgunha finca que incluso estivo á venda para a construción e que volveu a ser produtiva cos seus animais, aos que vai atender tódolos días.

David López, de 36 anos, adícase dende hai seis “por completo” á súa explotación pero ao principio compatibilizaba o coidado dos seus animais cos traballos que tivo na piscifactoría de Xove ou nun supermercado. Aos 21 anos empezou co gando “en serio”, con vacas de distintas razas e cabalos en Gondrás, onde hoxe ten 16 rubias galegas e limiás, unha raza que introduciu o ano pasado porque lle gustaba e “para aproveitar os recursos que temos aló en Cervo no monte, pois son animais duros que requiren menos coidados“. O salto ao concello de Barreiros foi da man da súa dedicación exclusiva ao gando: “Son autónomo e decidín ocuparme totalmente na explotación cando collín as fincas de Barreiros hai seis anos. Cesou a actividade unha señora que era coñecida e non tiña relevo, así que quedei coa granxa que había con vacas mestizas e funa convertendo toda en rubia. A partir de aí seguín aumentando con fincas de xente que xubilou e doutros veciños no centro de San Cosme, e tamén collín algo na Insua e en Celeiro de Mariñaos”, explicar.

Emprendedor ► Empezou de cero e ten máis de cen animais en total

En San Cosme sinala que hai algunha finca que “no seu día cando houbo o boom inmobiliario pedían burradas por elas e agora quedaron a pasto, como estaban, e incluso algunha fálase de que vai pasar a rústico cando acaben o PXOM”, comenta sobre a curiosa situación que se deu na capitalidade de Barreiros.

O feito de ter o gando neste lugar fai que sexan moitos os turistas aos que lles chama a atención, pero o cervense di que o leva “moi ben”. “En épocas de Semana Santa e verán para cambiar as vacas polas estradas, como van soltas, procuro facelo a primeira hora da mañá ou a mediodía. Moita xente pregúntame se é a famosa rubia galega e paran a sacar fotos tódolos días“, di sobre os visitantes que pasan a carón dunha das fincas que ten na parte de arriba do cuartel, que queda de camiño para ir á fervenza de Santo Estevo do Ermo, un dos encraves máis visitados no municipio barreirense.

SECTOR ASFIXIADO. O gandeiro –que ten os seus animais co selo de Ternera Gallega Suprema– recoñece que hoxe sería imposible subsistir sen as subvencións. “Se non fora pola PAC tiñamos parado todos”, afirma, xa que os ingresos da explotación non cobren os gastos, que se dispararon mentres que o prezo da carne se mantén contido desde hai moito tempo.

Gastos ► “Se non fora pola PAC xa tiñamos parado todos”

Comenta que o palé do penso custa “entre 80 e 100 euros máis”, que algún abono “triplicouse” e que os custos do ensilado este ano aumentarán un terzo “entre a suba do plástico e do gasoil”, que se encareceron de forma significativa. A isto engade a alza da cota de autónomos e tamén os tratamentos veterinarios.

Por contra, “levamos 40 anos co mesmo prezo ou incluso menos. Lembro que meu avó vendía becerros a 900 pesetas o quilo e hoxe págase a 4,80 euros. Os becerros antes do covid vendéronse a 5 euros e baixaron, incluso estiveron a 4,30 ou 4,20. Estamos peor que hai trinta anos“, lamenta, porque a rendibilidade caeu en picado con custos de producción moito maiores que non van acompañados de máis ingresos.

Dificultades ► “Levamos 40 anos co mesmo prezo na carne ou menos”

Con todo, David López García pensa en seguir aumentando a súa cabana con máis gando e máis terreos –que non ten dificultade para atopar, aínda que deben ter determinadas condicións como acceso a auga– e non se arrepinte de ter elixido este camiño. “Xa o debería ter feito primeiro que nada, o que pasa é que agora non temos unha moi boa época”, sinala este cervense cuxa afección polos animais vén porque os había na casa dos seus avós en Labradela, na parroquia xovense da Rigueira.

CABALOS E O LOBO. Ademais das vacas –que están libres or fóra “os 365 días do ano”– David López ten cabalos, uns 25 exemplares entre distintos pastos e montes de Barreiros, Cervo e Xove, que tamén vende para carne.

Neste caso o problema máis grande que ten é o do lobo, especialmente nos dous últimos municipios, onde en tempos recentes aumentou de forma considerable o número de ataques, sobre todo ás crías. Isto obrigouno a mover os equinos para os pastos das vacas “pero agora o lobo tamén mata a carón das aldeas. Vai pasar como co xabarín, que andará entre as casas”, di.