Barreiros só conta con cinco persoas coa titulación suficiente para traballar no servizo nas praias de Galicia.

Playa de Remior de Barreiros. EP
 Praia de Remior en Barreiros. EP
A alcaldesa do concello considera que é a opción máis responsable

O municipio lucense de Barreiros renunciou a izar a bandeira azul nas súas praias de Cantil-Remior, Coto e A Pasada ante a imposibilidade de contar con persoal de socorrismo suficiente para garantir os mínimos considerados para manter este distintivo.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, trasladou á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), o organismo que outorga estes emblemas, que ven esta como “a opción máis responsable” e avanza que a intención municipal é manter “todos os servizos posibles”.

Sobre a falta de socorristas, a rexedora explica que abriron “unha bolsa de socorrismo na primavera”, que aínda se mantén, pero só contan con cinco persoas coa titulación suficiente para traballar no servizo nas praias de Galicia. “Imposibilita cumprir os criterios marcados en todo momento, xa que hai que ter en conta as libranzas do persoal ou posibles imprevistos”, agrega.

Ante esta situación, Ana Ermida aposta por afrontar esta problemática “dunha forma global”, na cal a Xunta poña medios para solucionar unha situación que “cada ano é maior e que só se dá en Galicia“, na súa opinión “por unha serie de decisións en canto á titulación e as condicións de temporalidade que impiden a profesionalización do socorrismo, condenado a unha temporada de verán cada vez máis curta”.

No relativo ao persoal de prevención, o concello contratou outro tipo de persoal, como vixiantes, técnicas sanitarias ou patróns de embarcacións “para tentar garantir a seguridade”, pero esas persoas non poden ser considerada socorristas.