O CONCELLO DE BARREIROS CONVENIA CON LUGO A CESIÓN DUNHA MOTOBOMBA PARA USO MUNICIPAL

O CONCELLO DE BARREIROS CONVENIA CON LUGO A CESIÓN DUNHA MOTOBOMBA PARA USO MUNICIPAL.

Barreiros, 21 de outubro de 2020. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acompañada da segunda tenente de alcaldía e do concelleiro de medio rural, Carmen Veiga e Dámaso Ratoeira, acudiu na mañá de hoxe ao Concello de Lugo para asinar un convenio coa alcaldesa da cidade, Lara Méndez, no que se acorda a cesión dun vehículo motobomba propiedade do Parque de Bombeiros de Lugo ao concello barreirense para o seu uso municipal.

A alcaldesa explicou que “tras a avaría sufrida a finais do verán pola motobomba que tiñamos no concello, que tiña máis de trinta anos, e que supoñía un investimento demasiado elevado para un vehículo desas características que ademais non garantía a plena operatividade debido á antigüidade da mesma, o goberno municipal realizou todas as xestións posibles para garantir a dispoñibilidade dun vehículo deste tipo no municipio.”

“Tras coñecer que o Concello de Lugo contaba con un vehículo en desuso que cumpre coas características necesarias para a cobertura destes servizos en Barreiros, a colaboración entre ambos municipios fixo posible a dispoñibilidade da motobomba”, explica a rexedora.

Ermida agradece ao goberno de Lugo, e nomeadamente á súa alcaldesa, a boa disposición amosada e as facilidades para axilizar a tramitación administrativa que permite a posta a disposición do vehículo xa neste momento.

Con esta cesión gratuíta, Barreiros contará, unha vez posta a punto e regularizada a situación administrativa, con motobomba dispoñible para a prestación de servizos municipais contra incendios, limpezas de espazos públicos ou problemas de atascos na rede de sumidoiros municipal ou taxeas de camiños.

Ana Ermida manifestou que “en calquera caso, mentras o Concello non dispuxo de motobomba, estes servizos seguiron a realizarse, ben mediante a colaboración con medios de concellos veciños ou mediante a contratación dos mesmos”; polo que sinala “Barreiros non perdeu en ningún momento ningún deses servizos.”

A PLATAFORMA SANITARIA DA MARIÑA REÚNESE HOXE COS COMITÉS DE EMPRESA DA FACTORÍA DE ALÚMINA- ALUMINIO E EMPRESAS AUXILIARES

A PLATAFORMA SANITARIA DA MARIÑA REÚNESE HOXE COS COMITÉS DE EMPRESA DA FACTORÍA DE ALÚMINA- ALUMINIO E EMPRESAS AUXILIARES.

O colectivo sanitario trasládalle de novo o seu total apoio á loita polo mantemento dos empregos e a continuidade da fábrica.

A  Mariña 21 de outubro de 2020.  Integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña veñen de manter unha reunión cos Comités de Empresa da factoría e empresas auxiliares, na que lle amosaron e tarsladaron de novo  todo o seu apoio na loita que veñen mantendo desde hai moitos meses, polo mantemento de preto de mil postos de traballo e pola continuidade da  fábrica de aluminio .

O industria do aluminio é unha actividade estratéxica e debe seguir producindo aluminio e alúmina nesta comarca; non se entendería que os gobernos da Xunta e do Estado permitisen que unha multinacional ,que se estivo a beneficiar durante moitos ano de subvencións “ libres de polvo e palla”, sen prácticamente  facer investimentos , fixera efectiva unha fuxida previa parada das cubas, deixando na rúa a preto dun milleiro de familias e cun impacto brutal sobre a economía da Mariña.

A Plataforma Sanitaria fai un chamamento para apoiar a manifestación do proximo sábado 24 de outubro en Lugo .

A Plataforma Sanitaria adhírese unha vez máis ás reivindicacións da industria do aluminio da Mariña e fai un chamamento a veciños e veciñas da comarca para que acudan á manifestación que o vindeiro sábado  día 24 sairá  ás 11 horas do edificio multiusos da Xunta de Galicia , en Lugo, e rematará diante da subdelegación do goberno. O futuro da comarca depende , en gran medida da permanencia desta industria, pois debemos lembrar que representa preto do 30% do PIB da provincia, e xenera  milleiros de empregos directos e indirectos na Mariña. Perder esta industria  significaría a desertización industrial da comarca, obrigando a gran parte da poboación á emigración.Segundo  explica a coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro, “temos que continuar a  pelexar man con man pola actividade industrial da Mariña e por una sanidade pública digna e de proximidade, posto que tanto unha como a outra foron os obxectivos dos agravios máis brutais destes últimos anos”. No mesmo sentido manifestouse o portavoz do colectivo sanitario, Víctor Vila, quen engadiu que “A Mariña sálvase loitando e unida, ben sexa na sanidade, na industria o nas reivindicacións  sobre infraestruturas”.

Desde a Plataforma sanitaria apelamos á responsabilidade de todas as persoas para respectar e acatar todas as medidas dictadas polas autoridades sanitarias  nas reivindicacións.