Declaracións da alcaldesa sobre a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais en San Miguel

Declaracións da alcaldesa sobre a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais en San Miguel 👇🏻

“A COLABORACIÓN INSTITUCIONAL PARA A DEPURADORA DEMÓSTRASE CON APORTACIÓN ECONÓMICA SUFICIENTE”, AFIRMA ANA ERMIDA.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, lémbralle ao concelleiro do Partido Popular en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, que foi concelleiro de goberno na área de medio ambiente durante catorce anos, que “non é o momento de facer política coa necesidade de depuración de augas residuais; se non de aportar as solucións que non executaron mentres gobernaron.”
Ante as declaración vertidas no día de onte polo concelleiro popular, Ana Ermida lémbralle que o Concello de Barreiros ten un orzamento total de pouco máis de 3,5 millóns de euros. E que a día de hoxe continúa a pagarse unha débeda que se xerou durante os seus anos de goberno, o que afoga a economía municipal.
“Se a construción da depuradora fose unha cuestión de mera colaboración, entendemos que o que ata hai pouco máis dun ano era responsable de medio ambiente en Barreiros xa a tería construído. E máis cando de 14 anos de goberno, coincidiron 10 de goberno popular na Xunta”, afirma a alcaldesa.
Ermida pídelle ao Partido Popular que deixe de tentar embarrar a política municipal e que xa que non fixeron nada en 14 anos “que, cando menos, deixen traballar a quen o está a facer”.
A alcaldesa explicou que teñen contactos con Augas de Galicia e coa Consellería e que están tratando de solucionar unha cuestión de suma importancia que o Partido Popular mentres gobernou Barreiros non tivo ningún interese en atallar.
Segundo informou a alcaldesa, ten tamén solicitada tanto telefonicamente como por escrito, unha entrevista co novo delegado da Xunta en Lugo coa intención de trasladarlle as necesidades do municipio, ao igual que xa fixera co anterior delegado no momento da chegada á alcaldía.
“Se Gómez Puente está tan preocupado por este tema, que contribúa a implicar á Xunta de Galicia gobernada polo seu partido, explicándolles a situación na que se atopa o municipio e a imposibilidade real de asumir un custo de máis dun millón de euros para Barreiros, e máis tras a súa xestión, para que a súa implicación sexa maior, coma noutros concellos como Abegondo, onde financian o 83% do orzamento”, conclúe Ermida.

No día de hoxe fanse públicas as actas de valoración para os 2 procesos de emprego que se atopaban abertos no Concello de Barreiros

➡️ No día de hoxe fanse públicas as actas de valoración para os 2 procesos de emprego que se atopaban abertos no Concello de Barreiros.
🏀1 Técnico/a deportivo (Contratación por concurso-oposición)
🚰Creación da bolsa de emprego para o Servizo de Augas Municipal

O PP de Barreiros defende a colaboración institucional para levar a cabo a obra na depuradora de San Miguel de Reinante

O PP de Barreiros defende a colaboración institucional para levar a cabo a obra na depuradora de San Miguel de Reinante

09-10-20

 Barreiros, a 9 de outubro de 2020. O Partido Popular de Barreiros considera beneficioso para os veciños de Barreiros a colaboración entre as distintas administracións porque permite mellorar infraestruturas e facilita a prestación de servizos. Así, amosan o seu apoio á colaboración institucional de cara a levar a bo fin a obra na depuradora de San Miguel de Reinante.

O concelleiro e deputado provincial José Manuel Gómez Puente subliña que “a Xunta de Galicia xa ten amosado o seu compromiso de aportar a terceira parte do orzamento necesario para a construción da depuradora de augas residuais”. É dicir, a Xunta cofinanciará a obra na mesma porcentaxe que o Concello e a Deputación Provincial. Ademais, “o Goberno galego ofreceu o seu apoio técnico ao Concello co obxectivo de acadar a solución máis axeitada para a mellora do saneamento de San Miguel”. Hai que recordar que tanto o abastecemento de auga coma o saneamento son materias de competencia municipal.