BARREIROS SEGUE VOLCADO COAS ACTIVIDADES CULTURAIS NO MES DE OUTUBRO, O “MES DAS LETRAS” COA OBRA DE CARVALHO CALERO COMO FÍO CONDUTOR

BARREIROS SEGUE VOLCADO COAS ACTIVIDADES CULTURAIS NO MES DE OUTUBRO, O “MES DAS LETRAS” COA OBRA DE CARVALHO CALERO COMO FÍO CONDUTOR.

A programación arranca o domingo 4 de outubro con María Faltri Picadiscos ás 12.00 no Centro Social de San Cosme, para o público infantil.

A poesía de Olalla Cociña, Natalia Alonso e Daniel Irimia será a protagonista dunha tarde de música e versos, conducida polo narrador oral e poeta Lois Pérez, na primeira edición de Versos na Baixamar que terá lugar o día 31 e será o colofón a este Mes das Letras.

Barreiros, 30 de setembro de 2020. Continúa a actividade cultural en Barreiros no mes de outubro. Despois da extensa e intensa programación dos meses de agosto e setembro que se desenvolveu cun alto grado de participación e con total seguridade para os asistentes e participantes sempre seguindo as normas Covid, a concellaría de Dinamización Social programa un interesante Mes das Letras (que obviamente non puido realizarse en maio) para este mes de outubro, onde o tema principal e o fío condutor das actividades será a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero, o escritor ao que este ano se homenaxea polas Letras Galegas.

Daniel García, concelleiro de Dinamización Social avanzou as datas e os contidos desta programación, que agarda sexa recibida satisfactoriamente polo público infantil e adulto do mesmo xeito que acolleron a programación estival, que foi seguida por mais de mil persoas. “A cultura é segura, e cumprindo todos os parámetros e normas sanitarias podemos seguir disfrutando dos nosos artistas, da nosa música, de espectáculos lúdicos e dando vida tamén a todos os sectores da cultura así como á economía do noso concello neste ano tan difícil”, afirmou o concelleiro.

O domingo 4 no Centro Sociocultural, ás 12:00  e para o público infantil, estará María Faltri Picadiscos. No mesmo lugar, o domingo 11 ás 19:00 terá lugar o Festival de Maxia. O domingo 18, e para público infantil, Aquelando as nosa Letras “A Run Run”. O sábado 24, Día da Biblioteca, coa presentación do libro de Henrique Rabunhal “Ricardo Carvalho Calero, o anxo da Terra”, na biblioteca municipal. O domingo 25 de outubro no Cenro Sociocultural, ás 12:00 e para o público infantil, “Coñecendo a Carvalho Calero”- “Polo correo do vento”. O venres 30 terá lugar a celebración do Samaín, rematará a programación o sábado  31 de outubro coa charla do escritor Henrique Da Costa “Conversa arredor da vida e obra de Ricardo Carvalho Calero”, ás 12:00 nos Colexios Vellos de San Miguel.

E este mesmo día ás 18:00 no Centro Sociocultural en San Cosme terá lugar a primeira edición  de VERSOS NA BAIXAMAR, recital poético coordinado por Lois Pérez, en colaboración coa AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).    Neste recital  confluirán a poesía, a música e a palabra da man e do talento dalgunhas das nosas mellores poetas e voces mais novas da Mariña, coma Olalla Cociña, Natalia Alonso e o chairego Daniel Irimia.