Barreiros contará cunha reportaxe sobre as súas rutas na revista grandes espacios

Barreiros contará cunha reportaxe sobre as súas rutas na revista grandes espaciosLa imagen puede contener: árbol, planta, exterior, agua y naturaleza

19-03-20

 Barreiros, 19 de marzo de 2020. A revista Grandes Espacios, editada polo grupo Desnivel, adicará no vindeiro exemplar do mes de abril unha reportaxe ao concello de Barreiros, en concreto ás rutas que discorren polo seu territorio.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que este feito “é o resultado dos contactos que mantivemos a delegación de Barreiros en Fitur o pasado mes de xaneiro, composta por representantes municipais e da asociación de hostelería, nunha das xuntanzas de traballo que mantivemos en Madrid.”
Desde o Concello de Barreiros dirixíronse naquel entón á editorial Desnivel, que contaba con stand na Feira Internacional de Turismo para presentarlles o municipio barreirense e darlles a coñecer o potencial relacionado con actividades de natureza que posúe. “Xa naquel momento valoramos moi positivamente a receptividade da editorial e das persoas que nos atenderon e, tras manter o contacto nestes meses, o número do mes de abril albergará unha reportaxe centrada nas rutas que se poden disfrutar no noso Concello”, informan.
Ana Ermida amósase satisfeita con esta nova “xa que é a mostra de que a asistencia a Fitur, se se realiza de xeito programado e con obxectivos e traballo organizado pode dar froitos” e agradece “a boa disposición da editorial”, manifestando ademais que “a data da publicación é óptima, fóra da situación sobrevida que temos neste momento, por tratarse do número en papel que sae no mes das vacacións de Semana Santa e que despois se publicará online no mes de maio, unha vez retirada a revista dos quioscos.”
Ademais deste contacto, o municipio barreirense mantivera en Fitur outros contactos con diversos axentes turísticos para dar a coñecer a potencialidade e os servizos existentes en Barreiros, proporcionando material editado ao efecto para a cita internacional que será tamén distribuído no territorio.
Tal e como informaran desde o municipio naquel momento, as xuntanzas de traballo centráranse en potenciar os recursos existentes, como o turismo de escapada, natureza e relaxación, o Camiño de Santiago e o Camiño do Mar, turismo activo, etc.; ao tempo que se intercambiaron experiencias con territorios similares nas características e potencialidades con Barreiros.