A FALTA DE SEGURIDADE NAS INSTALACIÓNS DAS ANTIGAS VIVENDAS DOS MESTRES DE SAN MIGUEL IMPIDE A REALIZACIÓN DE CAMPAMENTOS INFANTÍS E XUVENÍS NAS MESMAS

A FALTA DE SEGURIDADE NAS INSTALACIÓNS DAS ANTIGAS VIVENDAS DOS MESTRES DE SAN MIGUEL IMPIDE A REALIZACIÓN DE CAMPAMENTOS INFANTÍS E XUVENÍS NAS MESMAS.

Barreiros, 6 de xullo de 2019

O incumprimento das condicións mínimas para edificios practicables e non adaptados, do código de edificación ou da normativa de xuventude podería poñer en risco as persoas participantes.

O Concello de Barreiros vén de resolver as peticións recibidas por unha empresa privada e unha fundación os días 28 de xuño e 2 de xullo, respectivamente, para o uso como albergue das instalacións das antigas vivendas dos mestres de San Miguel en campamentos xuvenís.

O informe emitido polos servizos técnicos municipais sinala o incumprimento da normativa que garanta o uso legal de dito inmoble para acoller ditos campamentos, polo que o goberno municipal optou por non autorizar dito uso, en aras de garantir a seguridade das persoas que participen nos mesmos.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “o Concello debe garantir en primeiro lugar a seguridade das persoas que participan en actividades que se realizan en instalacións municipais. E neste caso, á vista do informe técnico, as condicións do inmoble non permiten o seu uso de xeito seguro.”

“Autorizar o uso de ditas instalacións nas condicións que presentan sería unha irresponsabilidade por parte do goberno municipal que podería mesmo incorrer en responsabilidade se houbese calquera incidente”, asegura Ana Ermida.

Desde o goberno municipal indican igualmente que “a falla de tempo impide atopar unha solución óptima a estas alturas, xa que no momento no que este goberno tomou posesión nin sequera figuraba ningunha petición formal que foron realizadas hai escasos días.”

O executivo local manifesta a “total predisposición para a realización de actividades no concello e a colaboración coas mesmas, pero sempre garantindo a seguridade das persoas e cumprindo coas normativas aplicables.”