BARREIROS REMITE A ONCE PROMOTORES DE EDIFICIOS INACABADOS UN REQUERIMENTO PARA QUE ACTÚEN NUN PRAZO DE CATRO MESES

BARREIROS REMITE A ONCE PROMOTORES DE EDIFICIOS INACABADOS UN REQUERIMENTO PARA QUE ACTÚEN NUN PRAZO DE CATRO MESES.

O alcalde, na súa folla de ruta para recuperar a boa imaxe de Barreiros, esixe que reinicien a construción ou procedan a derrubar os esqueletos.

As estruturas están ubicadas en San Cosme, Moás, Remior, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.

Fuente Parga pide máis informes aos técnicos sobre outras posibles construcións por se é necesaria unha nova fase de requerimentos.

Barreiros, 25 de abril de 2019. O Concello de Barreiros, na facultade que lle confire a Lei do Solo, remitiu xa aos propietarios e promotores dos edificios inacabados os requerimentos para esixir que nun prazo de catro meses actúen nestas estruturas, ben para acabalas ou ben para que procedan a súa demolición.

En total, advertiuse ós titulares de 11 promocións -cinco das cales son xa titularidade de bancos e entidades financeiras-, con edificacións en esqueleto en San Cosme, Moás, Remior, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.

O goberno local que encabeza o alcalde Alfonso Fuente da un paso máis na loita contra o feísmo que dana o municipio, froito da crise inmobiliaria e da situación de impás urbanístico que provocou a actuación do goberno bipartito da Xunta de Galicia e que resolveu en favor do Concello en recente sentenza xudicial.

Ademais, Fuente Parga incide na situación de risco para a seguridade das persoas e na insalubridade destas infraestruturas e no seu abandono, polo que lembra aos propietarios a súa obriga de  manter os bens inmobles en condicións óptimas de coidado e ornato público.

O alcalde facultou tamén aos técnicos municipais para que recaben información sobre outras posibles construcións que se atopen en similar situación para realizar, con posterioridade se é necesario, unha nova fase de requerimentos. Iniciase o procedemento con aquelas edificacións que polo seu volume e tamaño máis alteran a paisaxe e provocan un maior impacto estético e no ornato público.

O rexedor manterase firme na folla de ruta marcada polo seu goberno para a  recuperación da imaxe de Barreiros, que quedou fortemente danada por un “inxusto proceso derivado dunha mala actuación no seu día do Goberno bipartito da Xunta só por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.

Alfonso Fuente lembra os prexuízos causados no concello “tanto desde o punto de vista paisaxístico, pero tamén na súa potente marca turística xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, asevera.

Sostén, unha vez máis, que ata agora “non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”, sostivo .

A intención do Concello é que nun ano non quede rastro dos esqueletos destes edificios inacabados que afean un municipio que é un dos referentes turísticos do norte de Galicia. O goberno local avanza que seguirá a traballar para que o turismo de xeito controlado sexa unha fonte de dinamización económica do municipio e, polo tanto, de toda a zona, potenciando a súa desestacionalización.

 

Excursion San Andres de Teixido Cedeira

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA UNHA EXCURSIÓN A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO O 14 DE MAIO.

Barreiros, 23 de abril de 2019. A Concellería de Cultura organiza unha excursión a San Andrés de Teixido, que terá lugar o 14 de maio.

Esta viaxe é gratuíta e inclúe comida e baile en Cedeira. As persoas interesadas poden facer a súa inscrición no centro sociocultural, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.

CxG urxe o remate en dous anos do enlace Barreiros-San Cibrao, e advidrte que “a falta de medidas está a empobrecer seriamente a costa lucense”

CxG urxe o remate en dous anos do enlace Barreiros-San Cibrao, e advidrte que “a falta de medidas está a empobrecer seriamente a costa lucense”
19-04-19
A Mariña. O número 1 por Lugo na lista ao Congreso, José Luís Moñita, subliña tamén a necesidade de “preservar San Martiño e o seu entorno do impacto visual que pode producir unha infraestrutura que polo demais é prioritaria para o desenvolvemento da Mariña”.

Neste sentido, Compromiso Por Galicia condicionará os seus apoios, tanto no Congreso con Moñita coma no Senado co candidato Saúl Sánchez, ao desenvolvemento deste investimento, acompañado doutras medidas dinamizadoras para os sectores produtivos da zona.

“Con todo o potencial que temos na costa lucense, co que mobiliza a diario a industria, o sector da pesca, o da madeira e todas as posibilidades que ofrece a calidade humana e profesional da Mariña, a inacción das sucursais dos partidos de Madrid está a ser determinante e limita o futuro da comarca”, declara Saúl Sánchez. “A falta de medidas está a empobrecer seriamente a costa”, segundo afirma Moñita, “tanto que se non tomamos decisións serias rapidamente estaremos a condenar o futuro da nosa xente”.

O BNG PRESENTA EN BARREIROS UNHA CANDIDATURA DE 21 PERSOAS DISPOSTAS A CAMBIAR O FUTURO DO CONCELLO

O BNG PRESENTA EN BARREIROS UNHA CANDIDATURA DE 21 PERSOAS DISPOSTAS A CAMBIAR O FUTURO DO CONCELLO

O acto público de presentación será o vindeiro 30 de abril no centro sociocultural de San Cosme.

A formación nacionalista presenta unha lista co máximo de persoas permitido pola lexislación electoral: 11 titulares e 10 suplentes.

Barreiros, 17 de abril de 2019. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de facer pública a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. A lista encabezada pola actual portavoz municipal, Ana Ermida, está composta por 21 persoas que representan “un proxecto de goberno para hoxe e para os vindeiros anos”. “Presentamos un equipo conformado por persoas con experiencia e persoas novas, na política municipal e tamén en idade; dispostas a cambiar o futuro de Barreiros desde hoxe mesmo”, asegura Ana Ermida.

A portavoz municipal asegura que “a lista que presenta o BNG é moito máis que as mulleres e homes que a compoñen, porque cada unha desas persoas representan idades, sectores, preocupacións e ocupacións que teñen cabida no concello. Somos un equipo integramente barreirense, ao que o único que o move é o interese por desterrar do noso concello as políticas que están condenando a Barreiros a ser obxectivo constante de novas negativas”, afirman desde o BNG.

“Unha lista de máximos, en cantidade e calidade”

O número de persoas que conforman a candidatura nacionalista non é casual: é o número máximo permitido pola lexislación electoral, contando con 11 persoas titulares e 10 suplentes. “É a mostra máis palpable do bo momento polo que atravesa o BNG en Barreiros”, afirma Ana Ermida. “Contamos con un grupo numeroso, plural, diverso e con capacidade, ilusión e ganas de devolverlle a Barreiros o bo nome que o converta nun concello referente pola súa capacidade e o seu desenvolvemento”, asegura.

Das 21 persoas que compoñen a lista, 9 delas son novas incorporacións, fundamentalmente de xente moza que “demostra que as mozas e mozos deste concello queren poder vivir e traballar no lugar onde naceron, acreditan na potencialidade de Barreiros e apostan polo proxecto do BNG para lograr un concello do que sentir orgullo. Pero demostra, sobre todo, que hai xente disposta a traballar polo seu concello con humildade, con constancia e con dedicación para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños”, manifesta Ana Ermida.

A portavoz municipal amósase “moi satisfeita” coa composición da candidatura e sinala que “o único negativo é que nos postos titulares só poden ir 11 persoas, porque realmente calquera das 21 persoas teñen capacidade, ilusión e valía para ocupar calquera posto.” Agradece tamén “a boa e total disposición de todas e cada unha das persoas que, lonxe de poñer ningún tipo de condición, se prestaron a traballar desde calquera lugar; mesmo algunha sen aparecer na lista, e que contribuirán a que Barreiros teña un goberno municipal digno e dedicado integramente ao interese e ao servizo das veciñas e veciños.”

A candidatura: desde mozas de 21 anos a persoas xubiladas.

“A incorporación de xuventude á nosa candidatura foi un obxectivo fundamental, porque queremos demostrar que hai futuro e que ese futuro pasa por un cambio de goberno e polo BNG”, afirma a portavoz municipal. “Que unha persoa de 21 anos se implique na política municipal, significa que a mocidade quere ser un actor principal no cambio que precisa este concello”, explica a respecto da incorporación de Sarai López Rocha, veciña de San Miguel, que se atopa finalizando os estudos que a converterán en técnica en atención a persoas en situación de dependencia; mentres os compaxina co traballo como camareira.

Daniel García Fernández, mestre e técnico de actividades deportivas de Celeiro, recunca na candidatura, pasando do número 8 na candidatura do 2015 ao 5, en claro posto de saída; “o que é outra mostra do papel central que ten a xente moza no proxecto que presenta o BNG”.

Con este mesmo perfil de xente moza, que non acadan os 30 anos, repiten na candidatura Diego Vizoso, mecánico de Benquerencia e Marta Castrillón, enfermeira de San Miguel. E incorpóranse a mestra Ofelia Cebrián, de San Cosme; a camareira Miriam López Ramos, de Celeiro e o deseñador gráfico e estudante de xornalismo Carlos Baamonde, de San Miguel.

Entre os 30 e os 40 anos, tamén aparecen novas caras, como a mestra Noela Fernández Soto, de San Miguel e Pedro Villar, torneiro-fresador de San Cosme.

Suman ademais a presenza de Miguel Ángel Vilar, gandeiro da Insua; Minerva Bermúdez, xubilada da Espiñeira e Gloria Pérez Rodríguez, de Vilamartín Grande, traballadora do sector servizos.

Repiten na candidatura, ademais do actual grupo municipal composto por Antonio Veiga, Montse Porteiro e Dámaso Ratoeira, a maiores da propia Ermida; Cándido Álvarez Veiga, actualmente gandeiro xubilado da Rilleira; Xoán Manuel Díaz Branco, de san Miguel, traballador sindical da CIG; Xoán Antonio Fernández Sante, palista de Ibia; Luzía Pérez García, de San Cosme, licenciada en Belas Artes, especialista en moda e marketing e actualmente xestora de equipos nunha cadea de moda familiar en Barcelona e Xesús Díaz Branco, economista e asesor fiscal de San Miguel.

A lista completa é a seguinte:

  1. Ana Belén Ermida Igrexas. Santiago de Reinante. Licenciada en dereito e traballadora da administración local.
  2. Antonio Veiga Outeiro. Celeiro. Deputado provincial.
  3. María Montserrat Porteiro Sánchez. San Cosme. Enfermeira na unidade de diálise do Hospital da Costa.
  4. Dámaso Ratoeira Basanta. San Cosme. Axente medioambiental da Xunta de Galiza.
  5. Daniel García Fernández. Celeiro. Mestre e técnico en actividades deportivas.
  6. Noela Fernández Soto. San Miguel. Mestra.
  7. Cándido Álvarez Veiga. A Rilleira. Gandeiro xubilado.
  8. Ofelia Cebrián Paz. San Cosme. Mestra.
  9. Diego Vizoso Castro. Benquerencia. Mecánico.
  10. Marta Castrillón López. San Miguel. Enfermeira.
  11. Miguel Ángel Vilar Rego. A Insua. Gandeiro.

S1. Miriam López Ramos. Celeiro. Camareira.

S2. Xoán Manuel Díaz Branco. San Miguel. Sindicalista.

S3. Sarai López Rocha. San Miguel. Estudante de técnica en atención a persoas en situación de dependencia e camareira.

S4. Pedro Villar Rodríguez. San Cosme. Torneiro-Fresador. Programador da producción en fabricacion mecanica.

S5. Minerva Bermúdez Montenegro. A Espiñeira. Xubilada.

S6. Xoán Antonio Fernández Sante. Ibia. Palista.

S7. Luzía Pérez García. San Cosme. Xestora de equipos dunha cadea de moda familiar en Barcelona

S8. Carlos Baamonde Bermúdez. San Miguel. Deseñador gráfico e xornalista.

S9. Gloria Pérez Rodríguez. Vilamartín Grande. Traballadora do sector servizos.

S10. Xesús Díaz Blanco. San Miguel. Economista e asesor fiscal e contable.

Para máis información chamar a Ana Ermida ao 667 87 14 59