O BNG  INSTA Á ALCALDÍA A CONVOCAR UNHA REUNIÓN SOLICITADA POLAS EMPRESAS DO POLÍGONO DE BARREIROS COA CORPORACIÓN MUNICIPAL

O BNG  INSTA Á ALCALDÍA A CONVOCAR UNHA REUNIÓN SOLICITADA POLAS EMPRESAS DO POLÍGONO DE BARREIROS COA CORPORACIÓN MUNICIPAL.

O luns 28 de xaneiro rexistraron un escrito, con numerosas necesidades sen atender no polígono, no que pedían que se trasladara aos grupos municipais e reunirse coa corporación. 

Barreiros, 8 de febreiro 2019. “O parque empresarial de Barreiros presenta numerosas necesidades, así como moitas as deficiencias nos servizos públicos de competencia municipal que alí se prestan ou deberan prestarse.” Esta foi a situación notificada polos empresarios alí ubicados hai máis dunha semana, a través dun escrito dirixido a toda a corporación solicitando unha reunión urxente co alcalde e con todos os grupos políticos municipais.

Carencias e deficiencias que se poden solucionar  con vontade política

En dito escrito, enuméranse moitas das carencias da zona industrial de Barreiros, tales como a necesidade de dispoñer de fibra óptica; o deficiente alumeado, que se suple en moitos casos coa iluminación das propias naves; a recollida de lixo; a rede de sumidoiros; a sinalización e pintado das rúas; limpeza das parcelas que están sen edificar; sistemas de vixianza… “A todos estes problemas pódenselles buscar solución, se hai vontade política de facelo. E para iso, o primeiro que hai que facer é atender as peticións que fan e reunirse coas persoas afectadas”, afirmou Ana Ermida, concelleira e portavoz do BNG en Barreiros.

No escrito dirixido á corporación, as persoas titulares das empresas apostan tamén pola efectiva realización da obra que permita un acceso directo do polígono coa autovía, tal e como solicitou o BNG en días pasados, logrando acordo unánime da corporación ao respecto para presentar alegacións ao proxecto da A74 para que se inclúa esta modificación.

Un polígono industrial con todos os servizos e ben comunicado, clave para o desenvolvemento de Barreiros

O BNG entende que esta zona industrial de Barreiros é de primordial importancia, non só para este concello senón para toda a contorna, pola estratéxica ubicación desta área. Neste sentido, desde a formación nacionalista recordan que no pleno do pasado 28 de xaneiro se aprobou por unanimidade a proposta do BNG de solicitar a Fomento un enlace directo ao polígono desde a futura A-74, que enlazará coa A-8. “Sería o polígono mellor comunicado da zona, e non podemos permitir que se deixe sen realizar este enlace, cando só está a 100 m da rotonda de conexión da A-8 e a A-74. Pensando no futuro de Barreiros, o polígono industrial é clave para o desenvolvemento social e económico do noso concello”  afirmou Ana Ermida.

A raíz da proposta do BNG, o concello de Barreiros remitiu ao Ministerio de Fomento, o pasado día 1 de febreiro a correspondente alegación ao proxecto de trazado da autovía A-74 de A Mariña, tramo Barreiros-Foz.

A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS QUE DÉ A CARA E GARANTA A MARIÑÁS E MARIÑAOS O RESTABLECEMENTO DOS SERVIZOS DE LOGOPEDIA E FISIOTERAPIA

A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS QUE DÉ A CARA E GARANTA A MARIÑÁS E MARIÑAOS O RESTABLECEMENTO DOS SERVIZOS DE LOGOPEDIA E FISIOTERAPIA.

Trala ruptura do concerto cunha clínica privada, o Sergas deixa sen asistencia a centos de pacientes sin darlles ningún tipo de información.A Mariña 7 de febreiro de 2019. A Plataforma Sanitaria da Mariña esixe ao Sergas que deixe de agocharse e dé a cara ante o gravísimo problema sanitario existente na Mariña, trala ruptura do concerto que o organismo sanitario viña mantendo cunha clínica privada, da que dependía o servizo de logopedia da comarca e que tamén proporcionaba fisioterapia. A Plataforma En Defensa da Sanidade Pública da Mariña foi alertada polas nais e pais de afectad@s do abandono total no que ficaban  ao  quedar as súas crianzas sen logopeda na Mariña e “ sin que o Sergas se dignara siquera a darnos unha explicación.Nin a máis mínima información temos, deixáronnos abandonados, non sabemos que vai pasar.Non teñen vergoña nen humanidade”,- relatan indignad@s .

Para o colectivo sanitario o Sergas chegou xa á súa desvergonza máxima deixando sen asistenza a nenas e nenos , xa non só  en pediatría, senon noutros servizos indispensables e que precisan de continuidade , como son a logopedia e fisioterapia ,tamén concertada coa clínica privada e que tamén  está afectada polo cese do convenio. Vemos así como a sanidade pública da Mariña avanza a pasos de xigante no seu desmantelamento trala supresión da área sanitaria, e mesmo os seus efectos son moito máis devastadores e rápidos do que esta Plataforma  calculou. “ Gostarianos saber onde andan agochados nestes momentos de crise os señores Balseiro e Vega para que nos relaten cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosísimos profesionais que ían vir para Burela.Esiximos a estes dous representantes do goberno na Mariña que saian da coelleira onde están refuxiados e cumpran coas súas obrigas co pobo”- manifesta a coordinadora , Montse Porteiro.

O hospital queda hoxe cun só hematólogo para atender aos máis de setenta mil habitantes da Mariña.

Segundo vimos de coñecer a través de pacientes aos que se lles suspendeu a consulta de hematoloxía que tiñan hoxe no hospital, o centro sanitario queda hoxe cun so hematólogo dos tres que hai actualmente , dado que un deles colleu un permiso e a terceira  hematóloga foi derivada ao HULA como está a facer cada xoves. A Plataforma xa alertou hai tempo desta situación, e non se lle puxo remedio, so se adicaron a tachar de alarmistas e mentireir@s @s activistas deste colectivo. Agora volve ocurrir e “este é outro exemplo máis da incompetencia para xestionar e do agravio ao que se ten sometida a esta comarca, pois están a derivar a outra facultativa cara ao HULA, que xa dispón de dez hematólog@s en plantilla, sen importarlles como quedamos. Abandonad@s polo Sergas e polo goberno do PP son as palabras máis axeitadas para definir esta situación”- coméntan Víctor Vila, portavoz do colectivo.

A Plataforma fai un chamamento a veciñas e veciños para que acudan este domingo a Compostela a manifestarse en defensa da sanidade pública.

Desde o colectivo animan a mariñás e mariñaos a que acudan á manifestación que o próximo domingo día 10 de febreiro percorrerá as rúas de Compostela , e que parte da Alameda ás 12 horas, para berrar alto, forte e nunha soa voz que queremos unha sanidade pública de calidade, digna, universal, gratuita e equitativa.

EN BARREIROS QUEDOU RESTABLECIDO O SERVIZO DE PEDIATRÍA, SEGUNDO DEU A COÑECER HOXE O ALCALDE, ALFONSO FUENTE PARGA

EN BARREIROS QUEDOU RESTABLECIDO O SERVIZO DE PEDIATRÍA, SEGUNDO DEU A COÑECER HOXE O ALCALDE, ALFONSO FUENTE PARGA.

Barreiros, 1 de febreiro de 2019. En Barreiros quedou restablecido o servizo de pediatría, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Alfonso Fuente, que lembrou que foi posto en marcha en 2011 cun goberno do PP á fronte da Xunta de Galicia.

O rexedor explicou que “no día de onte en Barreiros quedaba restablecido o servizo de pediatría. Xa hai un pediatra para atender os nenos e nenas do noso concello e a semana que vén continuará este profesional prestando o servizo; despois esperamos que se incorpore a pediatra que estaba neste centro médico”.

Fuente Parga contou que “falei persoalmente co xerente da Área Xestión Integrada da provincia de Lugo, Ramón Ares, e confirmoume que, a pesar dos poucos facultativos de pediatría que hai, conseguiron cubrir este servizo e esperan que as carencias que poida haber sexan as mínimas posibles tendo en conta este feito. Dende onte xa pasaba consulta o pediatra no centro médico de Barreiros, que seguira a próxima semana e ata que se reincorpore a facultativa que está habitualmente”.

O alcalde tamén aludiu a que este asunto se abordou no pleno celebrado no Concello hai uns días: “como a oposición no último pleno insistiu moito neste feito, aproveito para recordar que este servizo de pediatría se puxo en marcha no centro médico de Barreiros no ano 2011, gobernando xa o Partido Popular na Xunta. Un servizo que naquel momento entendemos que era importante, dado que somos un concello de 2.900 habitantes que contamos cunha gardería municipal e poucos municipios de Galicia con esta poboación teñen unha instalación deste tipo. Polo tanto desde o equipo de goberno do Concello de Barreiros temos claro que queremos protexer, coidar e dar todos os servizos aos nosos nenos e nenas do concello. Primeiro coa gardería e loitamos naquel momento, no 2011, por ter o servizo de pediatría. E quero recordarlle á oposición, como xa o fixen no pleno, que evidentemente se agora se estaba debatendo se se cubría ou non o servizo era porque se puxo gobernando o Partido Popular na Xunta atendendo á solicitude deste equipo de goberno”.

Alfonso Fuente Parga lembrou: “Pero entre o anos 2005 e 2009, cando gobernou o bipartito na Xunta, non puxeron en marcha este servizo no centro médico de Barreiros, polo que parece que para eles non era moi importante este servizo naquel momento, porque entre os anos 2005 e 2009 xa había nenos e nenas no concello e xa estaba funcionando tamén a gardería municipal. Pero eles parece que non entendían que fora necesario o pediatra no noso centro médico. Sen embargo pouco a pouco foise mellorando o servizo asistencial que se presta no centro médico, a pesar das críticas á política sanitaria do Partido Popular que seguen verténdose desde a oposición; imaxino que o fan porque estamos preto dunhas eleccións”.