O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO PRESENTA EN CASTROPOL A SÚA “ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ”

Barreiros, 23 de xaneiro de 2019.

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO PRESENTA EN CASTROPOL A SÚA “ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ”

A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR O VINDEIRO SÁBADO 26 DE XANEIRO ÁS 20:30 h NA CASA DA CULTURA (ANTIGO CASINO)

Despois de máis de vinte representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada. Este espectáculo foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI Encuentros Teatrales de Vegadeo (Asturias).  Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol.

Agora, e  despois de todo este percorrido a Enciclopedia de Ollomao chega a Castropol

Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal planteados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar” para as nenas a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. Unha historia que “nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.

 

RIBADEO APROBA POR UNNANIMIDADE A MOCIÓN DA PLATAFORMA SANITARIA EN DEFENSA DUN SERVIZO DE PEDIATRÍA DE CALIDADE PARA A COMARCA

RIBADEO APROBA POR UNNANIMIDADE A MOCIÓN DA PLATAFORMA SANITARIA EN DEFENSA DUN SERVIZO DE PEDIATRÍA DE CALIDADE PARA A COMARCA.

O colectivo sanitario parabeniza a todos os grupos políticos de Ribadeo pola súa solidariedade con este grave problema sanitario que padece a comarca.

A Mariña 22 de xaneiro de 2019.  Integrantes da Plataforma sanitaria da Mariña acudiron ao pleno celebrado no concello de Ribadeo no que se debateu  de urxencia a moción en defensa do servizo de pediatría que este colectivo está a presentar en todos os concellos da comarca.

Segundo comenta Víctor Vila,  portavoz da Plataforma, tras argumentarse a súa urxencia pola gravidade do problema e que fora rexistrada a primeira hora do luns 21 de xaneiro, foi aprobada a mesma por unanimidade. Desde esta plataforma queremos amosar “ os nosos parabéns a todos os grupos políticos da corporación municipal pola súa solidariedade con este grave problema sanitario que afecta a toda a comarca . Agardamos que en todos os concellos da comarcaestas mocións se leven a pleno e rematen en aprobación unánime tamén”.

Ao remate da sesión parte da corporación fixo unha foto coas camisetas do colectivo

Unha vez rematado o pleno, a maioría de concelleiras e concelleiros quixeron secundar tamén a campaña que días atrás  propuxo o colectivo sanitario consistente en que as corporacións municipais fixeran unha foto levando a camiseta que a Plataforma Sanitaria sacou á venda co lema “ AQUÍ. AGORA. SEMPRE” acompañado do seu do logotipo . Con este   signifícanse a favor dunha sanidade pública de proximidade, de calidade, universal e gratuita desde o primeiro momento , sempre , e sexa quen sexa o grupo político que goberne.Desde a Plataforma tamén” queremos agradecer a PSOE eremo BNG que se adheriran a esta campaña mercando e accedendo a fotografiarse coas nosas camisetas”– conclúe a coordinadora, Montse Porteiro.