A Asociación de Hostelería de Barreiros estará presente en FITUR 2019

A Asociación de Hostelería de Barreiros estará presente en
FITUR 2019,

Feira Internacional de Turismo.
Unha representación composta por 3 persoas integrantes da recentemente creada Asociación
de Hostelería de Barreiros asistirá a vindeira semana a Madrid para participar na Feira
Internacional de Turismo, FITUR. A finalidade desta visita é asistir a diferentes presentacións
que terán lugar no stand de Turismo de Galicia, ben por tratarse de mostras que afectan á
Mariña Lucense ou á provincia de Lugo, como tamén a aquelas outras que poden servir como
exemplos de boas prácticas e como inspiración para o desenvolvemento turístico de Barreiros.
Con esta mesma intención prevén tamén a asistencia a outras ponencias ou mesas de traballo
propias da programación da feira.
Ademais disto, a asociación vén de marcar varias reunións con axentes do sector turístico,
máis específicamente con axencias de viaxes minoristas, coas cales establecer unha primeira
toma de contacto e coñecer os servizos ofrecidos para valorar o encaixe destes coa
versatilidade de opcións de hostalería que existen no concello barreirense. Dende a asociación
toman esta primeira visita como unha oportunidade para detectar posibles colaboracións
futuras, así como para indagar en novos modelos de xestión e aproveitamento turístico.
Como actos preparatorios e previos a esta ocasión, representantes de dita asociación
mantiveron unha reunión coa Xerencia de Turismo da Mancomunidade de Municipios da
Mariña Lucense para coñecer de primeira man como ía ser a participación desta entidade en
FITUR, entre outros. Coa mesma intención mantiveron recentemente unha reunión co alcalde
de Barreiros, a quen lle trasladaron a importancia de que o Concello tivera un papel activo en
dita feira fixando unha axenda de reunións con axentes do sector, aproveitando a súa
asistencia á mesma.
Igualmente, nas futuras semanas, a Asociación de Hostelería de Barreiros xuntarase de novo
para valorar a posible participación noutros eventos semellantes como é o III Fórum Fairway,
sobre o Camiño de Santiago; Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico ou
Turexpo, Salón Turístico de Galicia.