DENUNCIA QUE A XERENCIA INTEGRADA “DESPACHOUME CUNHA CARTA CON MOI BOAS PALABRAS PERO DEIXOUME ABANDONADO Á MIÑA SORTE”.

DENUNCIA QUE A XERENCIA  INTEGRADA “DESPACHOUME CUNHA CARTA CON MOI BOAS PALABRAS PERO DEIXOUME ABANDONADO Á MIÑA SORTE”.

Na carta que recibiu en resposta á súa reclamación non lle dan solución  ao seu problema logo de estar agardando un tempo excesivamente longo con molestias que non lle deixan facer unha vida normal.

Tras un accidente no ano 2014 o paciente comeza cunha imposibilidade parcial para ouriñar  que lle obriga a ir ao baño cada pouco tempo pois non é capaz de facer un vaciado completo da vexiga , coas conseguintes molestias e incapacidade para facer unha vida normal.

O doente é seguido polo servizo de Uroloxía desde 2016 e en marzo de 2018 solicítaselle un estudo urodinámico, a realizar como moi tarde en tres meses, para valorar e diagnosticar a súa doenza e porlle un tratamento que solucione o seu problema.

Por iste motivo o paciente acude á Plataforma Sanitaria e , a través da UMAR  tramítase a correspondente reclamación , que se rexistra o día 4 de setembro e figura con número de entrada 3144.

Pasado un mes desde que rexistrou a reclamación o doente recibe unha carta da Xerencia da Xestión Integrada, con saída o 2 de outubro e número 28095, na que “ me despachan con moi boas palabras, pero solucións ao meu problema ningunha, máis ben deixanme abandonado á miña sorte”- relata o paciente indignado e ansioso por poñer fin a unha situación sumamente incómoda e que non lle permite facer unha vida medianamente normal.

Desde a Plataforma Sanitaria indican que coñecen numerosos casos de pacientes que son informados de que teñen que seguir agardando indefinidamente para ser atendid@s mediante unha carta similar a esta . “ Desde logo que nos facemos unha idea da gran incompetecia para a xestión que debe existir na Xerencia desde o momento en que precisan dun mes para certificarlle a un paciente que queda na mesma situación na que estaba,eso si, con moi bos desexos”.

Asemade o colectivo sanitario esixe á Xerencia e ao Sergas que se deixen dunha vez por todas de artigos e reportaxes facendo publicidade enganosa do bo estado da sanidade pública e do ben que xestionan e poñan solucións reais aos problemas d@s usuari@s , xa que “volven novamente a incumplir a propia lei de garantías sanitarias á que tanto bombo e pratiño lle deron sen amosar a máis mínima vergoña- conclúen.