A PLATAFORMA SANITARIA CUALIFICA DE ESCANDALOSA E INDECENTE A RESPOSTA DO SERGAS EN RELACIÓN Á FALTA DE COBERTURA  DE PEDIATRA NO CENTRO DE SAÚDE DE BARREIROS

A PLATAFORMA SANITARIA CUALIFICA DE ESCANDALOSA E INDECENTE A RESPOSTA DO SERGAS EN RELACIÓN Á FALTA DE COBERTURA  DE PEDIATRA NO CENTRO DE SAÚDE DE BARREIROS.

A baixa da pediatra que comparten os centros de saúde de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo provoca a anulación dunha cita e a súa reprogramación para case tres meses máis tarde.

As declaracións feitas polo Sergas despois de que unha veciña de Barreiros presentara unha reclamación no centro de saúde desta localidade pola falta de cobertura de pediatra son , ao parecer deste colectivo en defensa da sanidade pública, totalmente escandalosas, indecentes e faltas da máis mínima ética.

A veciña acudiu ao centro de saúde co seu fillo para un exame de saúde protocolizado e pertencente a unha programa de promoción da saúde e prevención de enfermidades , e uns minutos antes da hora da cita avisárona de que a pediatra estaba de baixa e que lle cambiaban a cita para o mes de decembro.En resposta á reclamación e denuncia pública nos medios  desta nai o Sergas resposta que “ a baixa desta profesional mon pudo ser prevista “  e que “ se trata de revisións incluídas no programa neno sano e non de atencións urxentes”. Ante estas respostas a Plataforma Sanitaria  denuncia que isto non é unha situación puntual nen extraordinaria , senón que se  veñen producindo bastante a miudo e ademáis estas revisións en persoas de tan curta idade non poden ser retrasadas por períodos tan longos de tempo ,”porque non se trata duns días senón de case tres meses podendo darse o caso de que case se solape unha revisión coa seguinte, e os parámetros a avaliar non sexan os correspondentes á idade do neno”- comentan desde o colectivo.

Estes programas foron creados para avaliar o desenvolvemento psicomotriz d@s pequenos así coma o crecemento e outros indicadores de saúde , sendo de gran trascendencia para o correto desenvolvemento d@s nen@s e avalados científicamente polas Sociedades de Pediatría. É por iso que cando se programa unha revisión correspondente a unha idade biolóxica , esta non debe demorarse moito tempo , xa que a velocidade coa que un/-ha nen@ crece e cambia é moi alta.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña esiximos ao Sergas que asuma dunha vez por todas o gran problema que ten de escasez de profesionais nos centros sanitarios e que poña inmediata solución ao que” pode converterse nun escándalo de dimensións colosais “- conclúen.

O ALCALDE DE BARREIROS DEIXOU O CONCELLO ABANDONADO, PRODUCÍNDOSE UNHA SITUACIÓN ESPERPÉNTICA DERIVADA DUNHA FUGA DE AUGA

O ALCALDE DE BARREIROS DEIXOU O CONCELLO ABANDONADO, PRODUCÍNDOSE UNHA SITUACIÓN ESPERPÉNTICA DERIVADA DUNHA FUGA DE AUGA.

O descoñecemento do goberno municipal da rede municipal de abastecemento impide unha solución áxil dunha fuga de auga, pese a participar a empresa adxudicataria do novo servizo de mantemento, ao non localizarse a fuga nin a chave para pechar o abastecemento.

Barreiros, 4  de outubro de 2018. “No día de onte, mentres en Remior se producía unha fuga de auga que deixaba sen subministro a practicamente todo San Cosme, o alcalde de Barreiros estaba ausente e, novamente, sen deixar delegación en ninguén do equipo de goberno”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

“O acontecido onte demostra que este goberno municipal ten na cabeza calquera cousa, menos as necesidades de Barreiros”, continúa. “En calquera concello normal, unha fuga na traída da auga arránxase con certa axilidade e, desde logo, de ser de gravidade mantense informada á poboación e tómanse as medidas para evitar situacións coma as de onte.”

“O que aconteceu en Barreiros foi que se produciu unha fuga nunhas tubaxes con moita antigüidade e que non teñen as condicións para soportar o subministro actual de auga. Pero a todo isto, sumouse o descoñecemento por parte do goberno municipal de como actuar neste caso; derivado da improvisación e da falta de planificación”, aseguran desde o BNG.

“Non é normal que durante horas se estea furando ata dar atopado a fuga e tampouco saber onde se atopa a chave para pechar o abastecemento, intentando así evitar a perda de auga dos depósitos. E é moito menos normal que pase isto cando se vén de licitar un contrato de mantemento da rede de subministro por 242.000 euros no que se supón se debera valorar previamente o estado da actual rede, a situación, a extensión, etc.”, relata Ana Ermida.

“Está claro que o goberno municipal, co alcalde como máximo responsable, desatenden as súas funcións ao sacar un contrato no que nin sequera especifican as características da rede da que se saca. Sácano dun xeito opaco e sen garantir que as empresas que liciten coñezan, a priori, as necesidades da rede. De feito, nas obras de onte participou a empresa adxudicataria deste servizo e todo parece indicar que aínda non ten detectadas as eivas na rede, a xulgar polo tempo transcorrido”, manifestan.

Desde o BNG queren recoñecer a labor de servizo público ao ex-traballador municipal que acudiu á axuda das labores para localizar os puntos conflictivos e que permitiu o desenlace da situación, preto de 20 horas despois de terse iniciado.

O alcalde ausente e sen ninguén ao frente do Concello.

Novamente, como xa acontecera ao inicio do verán, o alcalde atópase fóra de Barreiros e non deixou delegadas as funcións da alcaldía en ningunha persoa do equipo de goberno. “Isto amosa a falta de confianza e de equipo do goberno, xa que non é normal que o alcalde marche toda a semana e non quede unha persoa responsabilizada e con competencias para resolver calquera cuestión que poida producirse. No día de onte, estaba presencialmente na fuga o tenente alcalde, pero nin sequera tería por que estar, xa que se estaba responsabilizando dunha situación que lle correspondía a un alcalde que se atopa de descanso”, manifestan desde o BNG.