A Asociación de Hostelería de Barreiros fai balance da tempada estival e require ao Concello de Barreiros que responda ás demandas realizadas

A Asociación de Hostelería de Barreiros fai balance da tempada estival e require ao Concello de Barreiros que responda ás demandas realizadas

A Asociación de Hostelería de Barreiros ven de reunirse recentemente coa finalidade de retomar a actividade da mesma tras unha pausa durante a tempada estival, momento no cal aumentan considerablemente as cifras de turismo, e polo tanto, as esixencias do traballo no sector hosteleiro permite menos compatibilidade con outras labores.

Precisamente facer un balance das cifras do verán foi un dos puntos tratados nesta reunión. A grandes rasgos, e en comparación con anos previos, o mes de xullo foi para unha boa parte dos establecementos peor que o ano pasado, dándose no caso das reservas de aloxamentos varias cancelacións no último momento, o que se intúe que poida estar relacionado coas condicións metereolóxicas da primeira parte do verán. Fronte a isto, o mes de agosto rexistráronse en xeral boas cifras, semellantes a de outros anos. Caso aparte merece o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello barreirense, o que cal segundo os establecementos vinculados a el, presenta boas cifras e en aumento ano tras ano, e destacando unha altísima porcentaxe de peregrinos procedentes de Alemania.

Ademais do anterior e de coñecer o estado de contas, as persoas presentes valoraron tamén a constitución dunha Xunta Directiva que dea continuidade á comisión xestora provisional que xestiona actualmente a entidade. Esta cuestión quedou pendente de tratamento para futuras reunións.

Falta de resposta das demandas trasladadas ao Concello

Outro dos puntos tratados na reunión foi o estado das diversas cuestións que foron trasladadas ao Concello de Barreiros antes do verán, por medio de reunións coa Alcaldía: mellora da promoción turística por medio dun mellor posicionamento web municipal, actualización do espazo adicado á hostelería local no medio dixital, colocación de carteis de información turística nas praias, colocación de vallas de benvida ao municipio a carón das principais vías de acceso ao mesmo e amplitude do horario de apertura da Oficina de Turismo municipal.  A asociación lamenta que tras varios meses ningunha destas demandas fora respostada nin levada a cabo, polo que rexistrou un escrito instando ao Concello a atendelas coa premura precisa antes das próximas tempadas de maior chegada de visitantes. Do mesmo xeito, o  aspecto de deixadez que durante todo o verán presentou a contorna do concello e algunhas instalacións de uso, principalmente turístico, enténdese moi negativa para a promoción do concello como alternativa de destino, causando unha imaxe de moi pouca calidade. O que, polo tanto, repercute tamén nos establecementos de hostelería.

A promoción turística e máis específicamente a participación en feiras específicas nas cales manter relación con axentes do sector, tales como turoperadoras ou axencias de viaxes, foi outra das cuestións abordadas e que forma parte da orde do día da seguinte reunión, a celebrar a próxima semana.