A DEPUTADA DO BNG OLALLA RODIL VISITARÁ NA TARDE DE HOXE O CASTRO DE BENQUERENCIA QUE ESTÁ SENDO UTILIZADO COMO APARCAMENTO DE AUTOCARAVANAS

A DEPUTADA DO BNG OLALLA RODIL VISITARÁ NA TARDE DE HOXE O CASTRO DE BENQUERENCIA QUE ESTÁ SENDO UTILIZADO COMO APARCAMENTO DE AUTOCARAVANAS

A formación nacionalista anuncia iniciativas no Parlamento Galego e no Concello de Barreiros para pedir responsabilidades sobre a desprotección do patrimonio e a falta de planificación no uso dos espazos.

Barreiros, 9 de agosto de 2018. A Deputada do BNG, Olalla Rodil, visitará ás 18:30 de hoxe o castro de Benquerencia sobre o que se están a aparcar numerosas autocaravanas e vehículos. Estará acompañada da portavoz municipal, Ana Ermida, doutras persoas do BNG en Barreiros e de membros de Mariña Patrimonio, que lles explicarán os detalles máis técnicos e a situación que se produce.

“Non se pode permitir que o noso patrimonio siga sendo maltratado e que as Administracións non fagan nada por protexelo. Pediremos explicacións e responsabilidades a todos os niveis e presentaremos iniciativas no Parlamento Galego”, informou Olalla Rodil.

A portavoz municipal do BNG asegurou que “o Concello non pode poñerse de perfil e tratar de desviar responsabilidades cara á propiedade da finca. A administración local ten responsabilidade na  ordenación dos espazos e no uso que se lles dá. E cando hai un ben patrimonial, sexa onde sexa, a obriga do Concello é non só protexelo, senón promocionalo para que a sociedade tome consciencia do seu valor.”

Desde o BNG anuncian que levarán tamén este tema ao pleno municipal e esixirán que se tomen medidas e que o Concello se implique na ordenación e protección patrimonial. “Utilizar o patrimonio só para sacar fotos non é traballar con cabeza na defensa e posta en valor do territorio. É, simplemente, fomentar un turismo ao que non se lle dá a coñecer o valor das cousas e por iso acontecen situacións coma esta, na que os prexuízos superan con moito aos posibles beneficios”, conclúen.