Arredor de 200 persoas encheron na noite de onte os xardíns do Eido Dourado, en Barreiros

Arredor de 200 persoas encheron na noite de onte os xardíns do Eido Dourado, en Barreiros, para disfrutar dos sons de Tanxugueiras, as pandereteiras que puxeron a nota musical a unha auténtica noite de verán a carón da praia da Pasada. O concerto, que foi un auténtico éxito, enmárcase no ciclo Sons no Solpor, que organiza o Eido Dourado e polo que xa pasaron este verán formacións como Agüeira Project, Milesios ou Barahunda. Celso Dourado subliñou que “quedamos sen sillas e houbo moita xente que presenciou o concerto de Tanxugueiras de pé. Estamos moi contentos coa acollida que está a ter a nosa programación cultural”.  

 

O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O contrato farase por dous anos, prorrogables ata 5, e sácase con un prezo de 242.000 euros.

Barreiros, 6 de agosto de 2018. O goberno de Barreiros, no seu afán de privatizar os servizos municipais, vén de sacar a concurso o servizo de mantemento e reparación da rede de abastecemento de auga , instalación de contadores e conexións, con un prezo de 242.000 euros para dous anos.

Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran que esta nova privatización “vén a confirmar que o goberno municipal o único interese que ten é en que cada vez haxa máis servizos prestados por empresas privadas, sen importar se se prestan mellor ou peor ou que iso supoña maior gasto para o Concello.”

Estamos a falar de máis de 120.000 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar con unha brigada municipal importante e que podería realizara eses traballos. “O servizo de mantemento e reparación do abastecemento de auga prestouse con persoal municipal ata que hai uns anos comezaron a encargarse traballos a persoal alleo ao Concello. Iso non redundou nun mellor funcionamento, senón ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

“Ao Partido Popular, con Alfonso Fuente á fronte, o único que lle interesa é que en Barreiros traballen empresas privadas e para iso, non lles importa baixar a calidade dun servizo durante un tempo para crear unha falsa necesidade e despois vender a esperanza de que con empresas privadas poida funcionar mellor”, aseguran desde o BNG.

A formación nacionalista asegura que “se no Concello de Barreiros existise planificación dos traballos e do persoal por parte do equipo de goberno, que é quen ten a obriga de facelo, poderían prestarse moitos máis servizos públicos e facerse os traballos dun xeito moitísimo máis eficiente.”

“O que funciona agora mesmo é grazas ao esforzo e á implicación do persoal municipal e ao seu propio coñecemento das necesidades, xa que desde o goberno municipal non existe ningún tipo de planificación nin organización que garanta que os traballos se realicen dun xeito óptimo”, afirma Ana Ermida.

O BNG continúa con reunións veciñais

Nesta semana, o BNG en Barreiros continúa coas asembleas veciñais que comezaron o pasado venres, de cara a recoller as demandas da veciñanza e comezar a traballar nas propostas para as eleccións municipais do 2019. Despois de estar o venres en Vilamartín Grande e San Cosme, hoxe luns estarán en Cabarcos – no centro social, ás 16 horas- e nas escolas de Celeiro, ás 21 horas.

O mércores será o turno das parroquias de Vilamar e Benquerencia e o xoves, de Reinante e San Xusto. O vindeiro luns, reuniranse coa veciñanza de San Miguel e A Rilleira. Os horarios das reunións están previstos para as 16 e as 21 horas.