OS BOLECHAS ACTUARÁN EN BARREIROS O VINDEIRO DOMINGO, 8 DE XULLO

OS BOLECHAS ACTUARÁN EN BARREIROS O VINDEIRO DOMINGO, 8 DE XULLO.

Barreiros, 2 de xullo de 2018. Barreiros acolle o vindeiro domingo, 8 de xullo, unha actividade de promoción da lingua galega para a que contará coa presenza de Os Bolechas.

O centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, en San Cosme de Barreiros, será escenario do espectáculo O Amigo Monte, de Os Bolechas a partir das 12:30 horas.

A actividade está incluída no programa de animación lingüística FalaRedes da Xunta de Galicia. O Concello colabora con este acto.

O BNG PIDE UN PLENO EXTRAORDINARIO EN BARREIROS PARA SOLICITAR DA DEPUTACIÓN O ARRANXO DO VIAL CEDIDO A SEMANA PASADA

O BNG PIDE UN PLENO EXTRAORDINARIO EN BARREIROS PARA SOLICITAR DA DEPUTACIÓN O ARRANXO DO VIAL CEDIDO A SEMANA PASADA.

A formación nacionalista considera que aceptar a cesión dun vial en mal estado sen negociar o arranxo ou o acompañamento de diñeiro é unha nefasta xestión para o Concello de Barreiros.

Barreiros, 2 de xullo de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros vén de rexistrar esta mesma mañá unha solicitude formal dun pleno extraordinario, para ser convocado coa maior urxencia posible, a fin de adoptar o acordo de dirixirse á Deputación Provincial para que a cesión do tramo da LU-P 0608, que vai desde a estrada xeral no centro de San Cosme ata a que sube cara a Trabada pola Insua, veña acompañada do aranxo do mesmo ou dunha cantidade de diñeiro suficiente para poder arranxala desde o Concello.

A portavoz municipal, Ana Ermida, explica que “pese a ter presentado un rogo por parte do BNG pedindo esto mesmo a primeiros de xuño, o Alcalde volveu ignorar as necesidades do Concello e solicitou a cesión dun vial que pasará a converterse nunha carga máis para Barreiros. Pedir a titularidade dun vial en mal estado sen pedir o seu arranxo ou diñeiro para levalo a cabo é unha torpeza absoluta, carente da mínima lóxica”, asegura.

Desde o BNG aseguran que “aínda que segundo as declaracións na prensa do alcalde barreirense debemos entender que unha empresa privada realizará esas obras a cambio de non sabemos que beneficios, consideramos que ise non é o xeito oportuno de xestionar os bens e diñeiro público; polo que o Concello de Barreiros debera esixir da administración provincial que o vial sexa entregado en condicións óptimas ou, no seu defecto, acompañado dunha cantidade suficiente de diñeiro para poder levar a cabo as obras precisas para a súa posta nun estado óptimo.”

Segundo a portavoz municipal “en todo caso, se existe posibilidade de ingresos extraordinarios provintes doutras entidades, deberían destinarse a calquera das numerosas necesidades que hai no concello e non en suplir a actuación que deberá facer a institución ata o de agora titular do vial. Actuar doutro xeito, non vén máis que a confirmar a falla de interese en obter beneficios para o interese xeral das veciñas e veciños por parte do goberno municipal e o desentendemento na realización das máis mínimas xestións para conseguir investimentos que contribúan a mellorar a situación dos viais municipais.”

Desde o BNG xustifican a solicitude deste pleno asegurando que “tendo en conta que o acordo adoptado pola Deputación Provincial debe ser aceptado polo Pleno do Concello de Barreiros, é oportuno, con carácter previo a tal aceptación, especificar as condicións ou negociacións que deban acompañar tal aceptación, xa que do contrario sería asumir innecesariamente obrigas que non corresponden ao Concello de Barreiros.”

O Alcalde barreirense ten agora 15 días para convocar dita sesión e, de non facelo, quedaría automaticamente convocada para o décimo día seguinte.