Charla Piragüismo

Charla PiragüismoLa imagen puede contener: 17 personas, personas sonriendo, personas sentadas
Os estudantes de Primaria do CEIP San Cosme de Barreiros recibieron esta mañá unha interesante charla sobre o Piragüismo, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e a Deputación de Lugo. O encargado de dar a charla foi Fefo, do Clube Altruán de Ribadeo. La imagen puede contener: 1 persona, pantalla e interior

Alfonso Fuente: “A A-8 deulle vida a Barreiros e a súa área de servizo xerará traballo e será un miradoiro”

ALFONSO-FUENTE-PARGA BARREIROS

Alfonso Fuente Parga. JOSÉ Mª ÁLVEZ

É un dos alcaldes máis lonxevos hoxe en día na Mariña, con case 14 anos no goberno barreirense. Cando foi encausado por un asunto urbanístico, aínda pendente de resolución nos xulgados, deuse de baixa no partido, para que o asunto non lles afectara aos seus. Sente paixón pola política, pero non desatende a súa profesión e a súa asesoría

O REXEDOR barreirense, Alfonso Fuente Parga (PP), calcula que debe estar case empatado co de Cervo, Alfonso Villares, en longa duración á fronte dunha alcaldía na Mariña e, máis ao menos, está á par que Fernando Suárez en Ribadeo e que Demetrio Salgueiro en Xove. É moi consciente de que os tempos cambian e con eles aparecen novas necesidades. Iso si: as épocas das obras faraónicas remataron e os concellos fan reformas “como as que un pode ir facendo pouco a pouco na súa casa”.

Que retos se marca?
O Concello ten que ser unha administración activa e polo tanto aspiramos a ter tódolos servizos que poidamos. Traballamos en ter no mellor estado posible a rede viaria municipal, que é moi extensa, utilizando aglomerado asfáltico. Aparte, nas praias e nas vías que baixan aos areais, coidamos de contar con boa iluminación.

Na súa opinión, cal ten sido a obra que máis vida lle deu a Barreiros?
Unha das que máis vida lle deu foi a chegada da Autovía do Cantábrico (A-8) ao municipio. O feito de poder collela ou ter accesos en Barreiros é moi importante. E hai unha área de servizo prevista ademais xusto ao seu paso pola localidade, aínda sen uso. Non sei se hai sequera un proxecto en firme para instalar nela gasolineira, pero gustaríame ver esa superficie activa porque pode xerar emprego entre os barreirenses e ser un miradoiro moi bo sobre a nosa costa e a de Foz.

Que actuación lle gustaría ver executada canto antes?
A depuradora de San Miguel de Reinante, pola que levamos pelexado moito tempo. Supón un custo de catro millóns de euros, é moito para un Concello e gustaríanos que neste ano puidésemos ver parte dos trámites avanzados por parte da Xunta de Galicia. Por exemplo, poder ver que sacan a concurso a fase inicial da actuación, polo menos. Xa sabemos que para este verán será imposible, pero canto antes mellor.

Non só temos praias, senón paraxes interiores de enorme beleza como a de Santo Estevo do Ermo e a súa fervenza

Polo que respecta á mellora dos servizos, ten previsto unha inauguración en breve, non si?
En efecto, imos inaugurar axiña a nova depuradora de auga de Celeiro de Mariñaos. É un depósito cabeceira, o de San Caetano, que abastece a todo o municipio. Adxudicouse nun millón de euros e dispor desta instalación vai supoñer un respaldo, estar máis tranquilos no caso de que fallara o servizo.

A poboación aumenta no verán. Supón iso un problema para o subministro de auga?
Estes anos non tivemos problemas de abastecemento e a verdade é que nunca chegou pasar algo preocupante ou grave.

Barreiros vai seguir medrando?
Si, cambiou o ritmo de crecemento, pero non está parado. Falábase de que Barreiros, cuns 3.000 habitantes, ía pasar a ter uns 10.000 polo crecemento. Basta con ver que o pasado verán nos visitou e vivir aquí temporalmente máis xente. Unhas 12.000 personas quizais, se nos baseamos nos contadores de auga instalados. E a maiores habería que contabilizar a xente dos cámpings.

E por que crece o interior?
Está en crecemento polo Camiño Norte de Santiago e por ser parada da ruta do mar. Por iso se fixeron melloras nos albergues de Gontán e San Xusto, porque é unha ruta en auxe. Hoxendía hai dous locais de hostalería na zona interior, que manteñen empregos grazas a este tránsito. Ademais, non só temos praias, senón paraxes interiores de enorme beleza como a de Santo Estevo do Ermo e a súa fervenza.

Que é o que atrae de Barreiros?
A nosa raxa costeira de oito kilómetros de costa e de praias. Cando chega o verán todo o mundo quere desfrutar deste espazo. Hai boas zonas para aparcar, chégase sinxelamente porque está a apenas 50 minutos de Lugo ou a pouco máis dunha hora de Oviedo, que fai posible que os que veñan poidan marchar á noite. Ademais estamos atravesados polos trens turísticos e unha parte da localidade está dentro do lugar de interese comunitario das Catedrais.

Como evitar que por exemplo Arealonga sexa un pedregal?
Habería que debater se un está disposto a converter unha praia natural en urbana con, por exemplo, un espigón de formigón que impida o efecto das mareas. Eu prefiro prescindir dun kilómetro de area mentres siga sendo salvaxe.

MOI PERSOAL
“Agardo que se celebre o xuízo por urbanismo canto antes”

É unha lousa o xuízo pendente pola concesión de licencias?
Nós obramos correctamente, segundo os informes favorables que tiñamos enriba da mesa. Por iso estamos tranquilos, pero eu persoalmente desexo que este trámite pase canto antes. Gustaríame telo pasado en febreiro, pero aprazouse pola folga na Xustiza e agardo que se celebre este ano.

Que supón esta incertidume?
O feito de estar máis de dez anos pendente dun xuízo é esgotador para calquera e máis sabendo que era o que tiñamos que facer para levar adiante uns informes favorables. Hai moitos veciños preocupados por esta situación.

O feito de estar máis de dez anos pendente dun xuízo é esgotador para calquera e máis sabendo que era o que tiñamos que facer

Hai aínda edificios inacabados?
Houbo esqueletes de ladrillo, pero é que, aínda que os haxa hoxe en día, iso non ten que ver coa concesión de licenzas, senón co parón da construción.

Despois de dez anos, que pasou cos servizos en Barreiros?
Despois de dez anos, os servizos deron abasto. Máis de 3.000 contadores se conectaron á rede, todas esas vivendas tiveron tamén luz, moitas casas se remataron e aínda hai demanda.

Como logra desconectar?
O político local está en permanente contacto cos veciños, non hai vacacións; o teléfono non se apaga, pero non concibo a política coma un traballo, desfruto do que fago. Un é político porque lle gusta estar. Na miña familia sempre foron hostaleiros, criáronme debaixo dun mostrador e eu teño unha asesoría. E non podes descoidar a profesión. Son fiscal e contable e tamén iso me gusta.

Curiosidades
Os barreirenses prefiren unha vellez na casa

“Queremos morrer na nosa casa por moi duro que resulte dicilo”, sinala o alcalde, Alfonso Fuente, que cada ano comproba que os veciños prefiren atención domiciliaria, no canto de ter que ingresar nunha residencia. “A xente que está nos xeriátricos, por moi ben atendida que estea, bota de menos os veciños e ese foi o meu obxectivo desde que cheguei á alcaldía, que todo o mundo puidera estar o maior tempo posible na súa casa”. De feito, está convencido de que “a hospitalización domiciliaria ten dado mellores resultados que a dos centros”.

60 usuarios
Barreiros vén de asinar un plan concertado de axuda domiciliaria da que poderán beneficiarse ao redor de 60 persoas, cunha vintena de coidadores que percorren a diario decenas de quilómetros para atender os maiores. “Dos tres millóns de euros que pode ter un orzamento municipal, este servizo supón máis de 600.000, dos que 100.000 euros os achega o Concello”, engade o alcalde.