BARREIROS ACOLLE UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O REXISTRO DE ENTIDADES DEPORTIVAS

BARREIROS ACOLLE UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O REXISTRO DE ENTIDADES DEPORTIVAS A TRAVÉS DA SEDE ELECTRÓNICA DA XUNTA. A ACTIVIDADE TERÁ LUGAR NA AULA CEMIT O 9 DE FEBREIRO.

Barreiros, 7 de febreiro de 2018. Barreiros acollerá unha xornada práctica e informativa sobre o rexistro de entidades deportivas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Será este venres, 9 de febreiro, ás 12:00 horas, na aula CeMIT.

A actividade consistirá nunha vídeo conferencia na que se orientará ás entidades deportivas sobre como deben actualizar e rexistrar os seus estatutos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Este rexistro só se poderá facer de maneira telemática e é de obrigado cumprimento para case 8.500 clubs deportivos antes do 18 de febreiro.  O enlace do anuncio no DOGA é https://www.xunta.gal/…/20…/AnuncioG0244-301117-0006_gl.html

E o enlace para inscribirse na vídeo conferencia deste venres en Barreiros é https://cemit.xunta.gal/node/7168

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA PARA O 16 DE FEBREIRO O DESFILE E BAILE DE ENTROIDO. TAMÉN HABERÁ CEA

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA PARA O 16 DE FEBREIRO O DESFILE E BAILE DE ENTROIDO. TAMÉN HABERÁ CEA.

Barreiros, 7 de febreiro de 2018. O Concello de Barreiros organiza o Desfile e Baile de Entroido, que terá lugar o 16 de febreiro a partir das 21:00 horas na Praza do Concello. O programa e o cartel foron presentados hoxe. No acto estiveron o alcalde, Alfonso Fuente, e representantes dos colectivos colaboradores.

Este desfile percorrerá as rúas do pobo e contará coas actuacións das comparsas Habelas Hainas e Os Macanudos. Os premios para as comparsas e charangas serán de 300 euros para o primeiro, 250 para o segundo e 150 euros para o terceiro. Na categoría de adultos grupo o primeiro recibirá 100 euros e 50 o segundo. En adulto parella o primeiro premio será de 60 euros e o segundo de 40, e en adulto individual o primeiro premio é de 50 euros, o segundo de 30 e o terceiro de 20 euros. Na modalidade infantil grupo o primeiro clasificado recibirá 60 euros e 40 o segundo, en infantil parella o primeiro premio é de 40 euros e o segundo de 20, e en infantil individual o primeiro corresponderanlle 50 euros, 30 ao segundo e 20 euros ao terceiro.

Unha vez rematado o desfile, ás 22:30 horas celebrarase unha cea na Praza do Concello, servida polo catering Chao dos Navais, na que o menú estará composto por empanada, entrantes fríos, churrasco, pan, bebida e postre a un prezo de 15 euros por persoa. O teléfono para reservas é o do Concello de Barreiros 982 124 002, e a retirada de tarxetas farase no Concello ata o 13 de febreiro de 9:00 a 14:00 horas previa reserva.

Ao final da cea procederase á entrega de premios e terá lugar o Baile de Entroido amenizado polo grupo musical Lecer.

Este programa do Entroido está organizado polo Concello de Barreiros coa colaboración dos Comerciantes de Barreiros, Os Macanudos, Habelas Hainas e Catering Chao dos Navais.