A renovada Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo o proxecto de recuperación

A renovada Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo o proxecto de recuperación

 do Concello, abandonado polo PP”

– “O Partido Popular de Fuente Parga fixo que Barreiros sexa o Concello de Galicia que máis paga polo IBI, o que conta coa maior taxa de paro da Mariña con respecto á poboación ou que o 70% do municipio non conten con saneamento mentres os existentes están en malas condicións, como a EDAR de San Miguel que provoca vertidos ao mar”

– “O PP de Fuente Parga conseguiu que cada vez teñamos menos xente porque nin tan sequera aproveita as oportunidades económicas que por si mesma conta Barreiros. Por exemplo, pasamos de contar con 8 bandeiras azuis nas praias, a non ter ningunha e a nin solicitalas porque o PP non quere facer nada por conservalas e dotalas de servizos”

– “Cunha poboación cada vez máis avellentada, o PP de Fuente Parga non quixo traballar para que Barreiros contase cun centro de día e os nosos maiores van a Lourenzá, Ribadeo ou a centros privados fóra do Concello. Pagamos máis impostos, temos menos servizos públicos, menos emprego e pensións á baixa polas decisións do PP alá onde goberna”

– 10 socialistas, o 70% de nova incorporación, conforman a Executiva do PSOE de Barreiros, que conta con secretarías de maiores, servizos sociais, sanidade, igualdade, educación, mocidade, turismo, medio rural, urbanismo, medio ambiente ou política municipal para “un traballo sen pausa en defensa dos nosos veciños”

Barreiros, 29 de xaneiro de 2018.- A nova Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo” o proxecto de recuperación deste Concello, que “o Partido Popular, á fronte do goberno municipal dende hai décadas, mantén totalmente abandonado, sendo hoxe o Concello da Mariña coa maior taxa de paro con respecto a súa poboación mentres tamén é o Concello de toda Galicia co IBI máis alto”. Así o subliñaron os 10 socialistas que integran a renovada Executiva do PSOE de Barreiros, pois o 70% dos seus membros son de nova incorporación, tras celebrar a asemblea de votación dos representantes da mesma.

“O proxecto de recuperación do futuro de Barreiros”, que arranca a nova Executiva Socialista neste municipio, pasa polo “traballo sen pausa en defensa dos dereitos dos nosos veciños, como a prestación de servizos públicos de calidade ou a xeración de oportunidades económicas no noso Concello, que dende hai décadas non fai o PP de Fuente Parga.

Os socialistas explicaron que “Barreiros non prosperou co paso dos anos, todo o contrario, o PP situouno no esquecemento, obrigando á xente a marchar e facendo que a vida sexa máis e máis  precaria. O Partido Popular conseguiu que a taxa de paro do Concello, con respecto ao número de habitantes, sexa a máis alta da Mariña; que sexamos os veciños de toda Galicia que máis pagamos polo IBI ou que o 70% do municipio non conten nin tan sequera con saneamento. E os poucos que hai están en malas condicións, como é o caso da EDAR de San Miguel, que provoca vertidos ás praias que ata obrigan a pechalas”.

“Cada ano temos menos xente porque a desidia do PP é tal que nin tan sequera aproveita as oportunidades económicas que por si mesma ten Barreiros. O mellor exemplo disto son as nosas praias que, pola súa beleza única, visitan centos de persoas. Pasamos de contar con 8 bandeiras azuis a non ter ningunha. Fuente Parga nin se molesta xa en solicitalas porque non ten pensado facer nada para conservalas e dotalas de servizos públicos, nin tan sequera pedirlle aos seus compañeiros do Partido Popular, á fronte das administracións con plenas competencias na materia, como son a Xunta de Galicia e o Goberno Central, que o fagan”.

“Cunha poboación cada vez máis avellentada, o PP non quixo nin traballou para que Barreiros contase cun centro de día. Hoxe os nosos maiores van a Lourenzá, Ribadeo ou a centros privados fóra do Concello. Pagamos máis impostos, temos menos servizos públicos e de peor calidade, menos emprego e pensións á baixa polas decisións do PP alá onde goberna”, destacaron.

Secretarías para o proxecto de recuperación do futuro de Barreiros

Para o desenvolvemento do “proxecto de recuperación do futuro de Barreiros” a renovada Executiva Socialista de Barreiros conta coas seguintes secretarías:

– Secretaría Xeral: de novo á fronte de María Carmen Veiga Rodríguez, “loitadora, incansable, namorada de Barreiros, socialista de ideoloxía e socialismo como ideario de vida”, destacaron os seus compañeiros.

– Presidente e Secretaría de Maiores: á fronte estréase José Terrón Cantil, de 76 anos de idade, “o mozo máis maior da agrupación, incansable socialista, traballador e sempre compañeiro”.

– Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Medio Rural e Urbanismo: á fronte estrease Jorge David Vázquez Grande, de 36 anos. É gandeiro, profesión que compatibiliza co remate dos seus estudos como Técnico Superior de Paisaxismo e Medio Rural.

– Secretaria de Organización: de novo á fronte de Benito Longarela Geada, “un dos xermes do PSOE de Barreiros”, con máis de 30 anos de militancia no Partido Socialista e sempre defensor das políticas socialistas, de xeito especial no Concello, pois formou parte da Corporación Municipal durante 16 anos.

– Secretaría de Política Municipal, Acción Electoral, Relacións Institucionais, Movementos Veciñais e Redes: de novo á fronte de Miguel Veiga Rodríguez, “socialista con maiúsculas, exixente, traballador, crítico e sempre defensor da xustiza social”.

– Secretaría de Igualdade, Sanidade e Servizos Sociais: á fronte estréase Ángeles López López, socialista vinculada profesionalmente á prestación de servizos sociais a maiores.

– Secretaría de Emprego e PEMES: á fronte estrease Miguel Barrera Longarela, “grande defensor da política como servizos social e do socialismo como único instrumento para unha acadar a xustiza social e unha sociedade exitosa”.

– Secretaría de Turismo, Medio Ambiente e Enerxías Renovables: á fronte estréase María Jesús Jover-Peralta Pane, veciña de Barreiros, nada en Arxentina. É unha grande defensora do intercambio de experiencias turísticas e culturais como factor enriquecedor dun país. De feito, viviu 17 anos en Tokío, entre outros países. Fala xaponés, alemán ou inglés. A súa vida sempre estivo vencellada ao socialismo, pois seu pai foi Ministro do PSOE en Paraguai.

– Secretaría de Educación, Igualdade e Mocidade: á fronte estréase Silvia Otero Moirón, mestra de Ensinanza Secundaria de 23 anos de idade.

– Secretaría de Administración: de novo á fronte de José Antonio Otero Ramos, “incansable socialista, comprometido co socialismo e crítico”.

Presidente de Honor

A Executiva do PSOE de Barreiro conta ademais cunha Presidenta de Honor, que é Pilar Cancela Rodríguez “pola súa acérrima defensa de facer sempre socialismo, de loitar pola igualdade e o galeguismo”, así como polo “especial cariño que ten demostrar ter polo Concello de Barreiros e polos seus compañeiros nesta agrupación”.

Saúdos,

O PP de Barreiros négase a manter a área sanitaria da Mariña e a solicitar a mellora do sistema de pensións

Barreiros, 30 de xaneiro de 2018.- A voceira do Grupo Municipal Socialista de Barreiros, María Carmen Veiga, informou este martes que o Partido Popular deste municipio se nega a solicitar aos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia o mantemento da área sanitaria da Mariña, en detrimento dos 2.900 barreirenses que son atendidos na mesma; así como solicitar aos tamén compañeiros do PP no Goberno Central a reforma do sistema de pensións que impuxeron, cando esta leva provocado que os 1.000 pensionistas de Barreiros perdesen nos últimos anos máis de 4.000 euros porque o PP se opón a revalorizar as pensións en relación ao IPC. O Partido Popular fai que os pensionistas sexan máis pobres pois, non só recortan as súas pensións, senón que tamén lles impoñen o pago das súas menciñas e incrementan todos os impostos, como por exemplo os dos produtos de primeira necesidade. O Alcalde e os seus compañeiros do PP en Barreiros demostran, unha vez máis, que non lles preocupan os veciños do Concello e que non defenden os intereses dos mesmos senón os do seu partido político”.

María Carmen Veiga explicou que no Pleno o Alcalde e os seus compañeiros do PP votaron en contra da moción que o Grupo Municipal Socialista presentou, esixindo á Xunta de Galicia a derogación do anteproxecto da modificación da Lei de Saúde Galega coa que o PP, que goberna na administración autonómica, impón a supresión da área sanitaria da Mariña.

“Fuente Parga e os seus compañeiros do PP non quixeron pedir aos seus compañeiros na Xunta que se manteña a nosa área sanitaria, alegando, textualmente, que esta non é unha cuestión que atinxe ao Concello e tena que resolver a Xunta. Fuente Parga e os seus compañeiros do PP saben, perfectamente, que este é un tema que afecta de xeito directo á sanidade dos 2.900 veciños de Barreiros, aos que se lles recortan máis servizos públicos sanitarios. Polo tanto, debería ser un asunto prioritario para o Goberno do PP en Barreiros se se preocupasen polos seus veciños. Pero non, aos populares só lles interesan os seus intereses partidistas e individuais”.

Fuente Parga e os seus compañeiros do PP non quixeron, nin tan sequera, debater no Pleno a moción que o Grupo Municipal Socialista presentou, esixindo ao Goberno Central do PP a derogación do sistema de pensións que impuxeron. Este supuxo que, dende nos últimos anos, os 1.000 pensionistas de Barreiros perdesen máis de 4.000 euros porque o PP se opón a revalorizar as pensións en relación ao IPC, facendo que os maiores cobren menos ano tras ano.

“Fuente  Parga e os seus compañeiros do PP alegaron, textualmente, que este é un asunto que atinxe ao Goberno Central, demostrando, unha vez máis, que non lles preocupan os seus veciños e que antepoñen os seus intereses partidistas ante todo”, destacou María Carmen Veiga.

O PP nada saben da depuradora en San Miguel de Reinante

O Grupo Municipal do PSOE preguntou ao Alcalde no Pleno sobre a dotación dunha depuradora en San Miguel de Reinante por parte dos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia como administración competente. Fuente Parga dixo, textualmente, que nada sabía ao respecto, que todo estaba igual. A socialista apuntou a “absoluta desidia do Alcalde e dos seus compañeiros do Partido Popular, que nada fan polos veciños do nosos Concello, máis alá de impoñer multas de ata 20.000 euros xa polos vertidos á praia de Arealonga por non contar cunha depuradora, que debe dotar a Xunta gobernada polo PP. Este é o interese que amosas o Alcalde e o PP polos barreirenses, que nada reciben por parte deles máis alá das multas”.

A PLATAFORMA NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA MARIÑA ESIXE A DIMISIÓN DE MARÍA JOSÉ CORTES, XERENTA DO HOSPITAL DA COSTA

A PLATAFORMA NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA MARIÑA ESIXE A DIMISIÓN DE MARÍA JOSÉ CORTES, XERENTA DO HOSPITAL DA COSTA.

Nesta ocasión María José Cortés non maquillou as listas de espera, foi moito máis alá e pasou a brocha gorda”

Dende a Plataforma Sanitaria denuncian a maquillaxe se precedentes de María José Cortés en relación coas listas de espera nas que manipula os tempos de agarda e ao mesmo tempo négase a publicar a lista de espera non estrutural ou Lista B.

A lista de espera normal é a estrutural, cando non aceptas as propostas do SERGAS con respecto a ir á concertada/privada pasas á lista de espera non estrutural, que é iso? Pois unha lista B, o limbo…onde quedas nun caixón ata que te queiran rescatar”, explican.

A REALIDADE DAS LISTAS DE ESPERA NA MARIÑA.

-ECOGRAFÍAS: Os datos que presenta a Xerencia e dunha medía de 2 meses cando a realidade é que supera os 4 meses de espera.

– ESTUDOS CARDIOLÓXICOS: Os datos que presenta a Xerencia é de 15 días cando temos denuncias oficiais de pacientes que para facer unha proba de esforzo agardaron 210 días e 180 días respectivamente, ou de pacientes que foron chamados para consulta de Cardioloxía 6 meses despois de ser operados de urxencia noutros hospitais da rede SERGAS.

– CONSULTAS DE TRAUMATOLOXÍA: Os datos que presenta a Xerencia é de 59,7 cando temos denuncias de pacientes que levan esperando 9 meses e 7 meses con volantes preferentes.

– REHABILITACIÓN: Os datos que presenta a Xerencia é de 16 días. Para ser tratados en rehabilitación os pacientes preferentes teñen un espera de 5 meses.

Os pacientes crónicos que teñen que acudir ao Hospital da Costa por falta de rehabilitación no Centro de Saúde de Burela teñen unha lista de agarda que supera os 8 meses.

– A día de hoxe existe escurantismo total en canto a realidade das listas de espera xa que as mesmas xa non son xestionadas polo persoal do centro (anteriormente si xestionaba o persoal de admisión, se non que están baixo chave no despacho da dirección de xestión, único que coñece os datos reais e que emite listados diariamente para que simplemente chamen por teléfono.

– OPERACIÓNS CIRÚRXICAS: A Xerencia fala de 45 días. Os datos que manexamos é que principalmente na especialidade de traumatoloxía (próteses de cadeira, xeonllo, etcétera ) son derivadas cada vez máis aos hospitais privados de Lugo (POLUSA), incluído o preoperatorio, a intervención cirúrxica e as revisións co conseguinte desprazamento e gasto innecesario para usuarios e familias.

As derivacións aos hospitais privados de Lugo non só afectan a intervencións cirúrxicas, tamén son derivadas probas diagnósticas (electromiograma, ecografías, resonancias, etcétera)

PLAN URXENTE PARA ABORDAR AS LISTAS DE ESPERA.

Dende a Plataforma Sanitaria da Mariña “apostamos por unha sanidade ao alcance de todas e todos, pública e de calidade. Neste senso, é necesario poñer en marcha un Plan Urxente para Abordar as Listas de Espera que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas de derivación cara a centros concertados, que unicamente promoven o enriquecemento de empresas privadas”, sinalan.

A saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención sanitaria de toda a cidadanía da Mariña”, conclúen.

DIMISIÓN DA XERENTA.

Para a Plataforma Sanitaria non é admisible esta burla sobre estes tempos de espera para probas, consultas e operacións cirúrxicas no Hospital da Costa.

María José Cortés non traballa para garantir unha atención sanitaria en tempo e forma para a cidadanía da Mariña, só obedece submisamente ordes políticas, indo contra os intereses da Sanidade da Mariña importándolle ben pouco a dor e sufrimento que está a provocar entre a veciñanza a súa nefasta xestión” afirman.

Ante a gravidade da maquillaxe e manipulación das listas de espera proporcionadas por María José Cortés, Xerenta do Hospital da Costa, dicir o seguinte:

– É unha burla e unha falta de respecto a toda a poboación da Mariña que está a sufrir en primeira persoa as longas listas de espera para consultas, probas diagnósticas e operacións cirúrxicas, xa sen falar do continuo aumento de derivacións aos hospitais privados de Lugo.

Por todo o anterior esiximos a dimisión de María José Cortes, Xerenta do Hospital da Costa, e anunciamos que nas concentracións deste mércores berraremos <Esta Xerenta- non nos representa, Por manipulación- Xerenta dimisión>”, conclúen.

Coa nosa saúde non se xoga!

O 11 DE FEBREIRO CELÉBRASE EN BARREIROS O FESTIVAL DE ENTROIDO INFANTIL E XUVENIL

O 11 DE FEBREIRO CELÉBRASE EN BARREIROS O FESTIVAL DE ENTROIDO INFANTIL E XUVENIL. HABERÁ BAILE, MÚSICA E DESFILE DE DISFRACES E AGASALLOS PARA TODOS OS PARTICIPANTES.

Barreiros, 30 de xaneiro de 2018. O 11 de febreiro terá lugar o Festival de Entroido Infantil e Xuvenil 2018, que organiza o Concello barreirense a través da Concellería de Cultura e da Oficina Municipal de Infomación Xuvenil.

Ese día de 17:30 a 20:15 horas no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro haberá baile, música e desfile de disfraces infantil e xuvenil con premios para os disfraces individuais, parella e grupo e tamén agasallos para todos os participantes. Os rapaces e rapazas asistentes gozarán tamén da actuación de Chrystian Magic. A festa contará coa animación e o acompañamento dos cabezudos.

Desde o Concello animan a nen@s e rapaces a asistir a esta cita co Entroido en Barreiros.