A XUNTA DE GOBERNO APROBOU AS OBRAS A INCLUÍR NO PLAN ÚNICO E DEU TRASLADO DO ACORDO Á DEPUTACIÓN DE LUGO

A XUNTA DE GOBERNO APROBOU AS OBRAS A INCLUÍR NO PLAN ÚNICO E DEU TRASLADO DO ACORDO Á DEPUTACIÓN DE LUGO. O INVESTIMENTO ASCENDERÁ A UNS 200.000 EUROS, SEGUNDO DEU A COÑECER ESTA MAÑÁ O ALCALDE, ALFONSO FUENTE.

Barreiros, 2 de maio de 2017. A xunta de goberno aprobou as obras a incluír no Plan Único e deu traslado do acordo á Deputación Provincial de Lugo, segundo ven de confirmar o alcalde, Alfonso Fuente. O investimento total ascenderá a preto de 200.000 euros. Trátase das melloras de varios camiños, alumeados públicos e unha traída de auga.

As obras a realizar a través do Plan Único son o camiño de Sarxende a Casa do Merlo; o camiño da igrexa de Reinante a Casa de Panta; o acceso ao aparcamento que hai detrás dos colexios vellos de San Miguel; o acceso ao campo de fútbol de As Valgas; o camiño que vai de Remior a Viladaide, “que é moi utilizado e ao que se lle vai dar aglomerado”; outro pequeno camiño en Viladaide, “onde se fixera a beirarrúa e quedou pendente arranxar ese viario”; a conexión da traída de auga entre os dous depósitos, o da Barranca co de Reinante, “faltaba un tramo desa obra, que imos facer agora con cargo a este Plan Único”; e tres alumeados públicos, un nas Saíñas en Celeiro de Mariñaos e dous en Cabarcos, en Seoane e no Couto.

Os investimentos a realizar ascenden a máis de 75.000 euros no caso dos camiños; a 80.000 euros a traída da auga e a 35.000 euros aproximadamente os alumeados públicos.

CORENTA E DÚAS PERSOAS FIXERON A 1ª ETAPA DO CAMIÑO FRANCÉS AO SEU PASO POLA PROVINCIA DE LUGO

CORENTA E DÚAS PERSOAS FIXERON A 1ª ETAPA DO CAMIÑO FRANCÉS AO SEU PASO POLA PROVINCIA DE LUGO, ENTRE O CEBREIRO E TRIACASTELA, O PASADO DOMINGO. ESTA PEREGRINACIÓN FOI ORGANIZADA POLO CONCELLO BARREIRENSE.La imagen puede contener: una o varias personas, personas de pie, cielo y exterior

Barreiros, 2 de maio de 2017. Un total de 42 persoas realizaron a primeira etapa do Camiño Francés ao seu paso pola provincia de Lugo, entre O Cebreiro e Triacastela o pasado domingo. A peregrinación en 9 etapas ata Santiago de Compostela, a través desta ruta, foi organizada polo Concello de Barreiros.

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, contou que “nada máis chegar ao Cebreiro atopámonos con todo nevado e seguiu a nevar. Foi unha etapa esixente, porque houbo de todo: neve, saraiba, xistra e tronos. Pero todos o levaron moi ben e a camiñar cun sorriso na cara”. O edil barreirense dixo que “o compañeirismo estivo presente, e fomos axudándonos uns a outros, porque contamos con varias persoas novas que se incorporaron a estas andainas, que hai tempo vimos organizando desde o Concello. Estou moi satisfeito e orgulloso do comportamento dos participantes”.

A vindeira etapa, a comprendida entre Triacastela e Sarria, terá lugar este sábado, 6 de maio.